Ana Pontón insta José Tomé a deixar a acta na Deputación de Lugo: "O ideal é que dimita de todas as súas responsabilidades"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, referiuse esta quinta feira desde Vigo á dimisión de José Tomé como presidente da Deputación de Lugo, reiterando que unha persoa acusada de acoso sexual non pode formar parte do Goberno da Deputación, nin seguir á fronte da institución.
Pontón explicou que a posición do Bloque foi moi clara desde o primeiro momento e que non se vai mover “nin un ápice" dela. Unha persoa con “acusacións tan graves como é o acoso sexual, non pode estar á fronte" da Deputación de Lugo. "Cremos que por dignidade, por respecto á política e por respecto á cidadanía, o que tiña que facer era dimitir de todas as súas responsabilidades", continuou dicindo a portavoz do BNG. “O ideal sería que esa persoa que forma parte da dirección do Partido Socialista dimitise de todas as súas responsabilidades e de todos os seus cargos".
Na súa intervención, Pontón reafirmou tamén o apoio do BNG ás mulleres que tiveron a valentía de denunciar unha situación “que nos repugna”, e engadiu facendo referencia á política que "indígnanos que algo así poida pasar, pero creo que o máis terríbel é que alguén poida pensar que este tipo de comportamentos é algo que está xeneralizado".
"Sempre digo que non todos e todas somos iguais", remarcou a líder nacionalista, quen subliñou que o BNG "fixo o que tiña que facer" e "actuou con contundencia". "Estamos do lado das vítimas e este tipo de comportamentos o que non poden é abafar o labor que facemos, un labor moi digno que é representar a cidadanía e ser parte da solución para os problemas que hoxe teñen miles de galegos e de galegas", afondou.
Isabel Rodríguez mantivo que depende de Tomé deixar a súa acta
Pola súa parte, a ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, asegurou que o PSOE "fixo o que había que facer", indicando que "depende soamente del" a decisión de deixar a súa acta e a Alcaldía de Monforte.
"O que fai o PSOE é reclamar responsabilidades e pedir vixilancia para atender ás vítimas. A partir de aí, o que fagan esas persoas na toma das súas decisións non forma parte das decisións que poidan verse vinculadas polas decisións do partido porque só deles depende a decisión", respondeu ante as preguntas en Vigo.
Isabel Rodríguez mantivo que se estes comportamentos parecen "aberrantes e denunciábeis" é grazas, segundo ela, a partidos como o PSOE e a organizacións feministas "que fixeron que este tipo de comportamentos non sexan aceptábeis no século XXI".