Ana Pontón pon condicións a Sánchez: "Cumprir coa Galiza e a axenda social"

Ana Pontón, este 10 de xullo no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
O BNG exixe a Rueda retirar “as circulares da censura”.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou esta quinta feira que continuar coa lexislatura no Estado español "só ten sentido se o Goberno de Pedro Sánchez cumpre dúas condicións: cumprir os compromisos pendentes con Galiza e pisar o acelerador dunha axenda social que realmente permita mellorar a vida das persoas". Pontón advertiu en rolda de prensa de que o Bloque está en Madrid "para defender os intereses dos galegos e das galegas", non para "defender o PSOE, nin para defender Sánchez, senón para defender Galiza e esta é a liña na que imos seguir traballando", recalcou.

Neste sentido, recordou que a formación nacionalista ten "un acordo de investidura e non de lexislatura" co PSOE, polo que o seu voto "é un voto libre" que vai empregar sempre en función "de se se cumpre con Galiza" e das medidas que se desenvolvan desde o punto de vista social.

Pontón puxo en valor os "avances importantes" logrados polo BNG a través do acordo de investidura, entre os que citou "as rebaixas históricas nas peaxes da AP-9", a rexeneración da ría do Burgo, o adianto na modernización do tren, a implantación do servizo de tren de proximidade neste mandato ou a condonación da débeda pública cun recorte de 4.000 millóns de euros, "se o señor Rueda non o impide", subliñou.

"Censura ideolóxica e informativa" de Rueda

Pontón denunciou "a deriva autoritaria e antidemocrática" do Executivo de Alfonso Rueda que, "está chegando a límites insoportábeis". Referiuse á imposición do "control ideolóxico nos centros educativos" e do "control informativo nos centros de saúde", ademais de converter a CRTVG en "TelePP", algo que asegurou que "non é neutralidade ideolóxica, senón censura ideolóxica e informativa".