Pontón pide a Rueda que dimita pola súa "neglixente e incompetente" xestión da vaga de lumes

Ana Pontón, no centro da faixa, con outros membros da Executivo do BNG. (Foto: Nós Diario)

A voceira  nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou este domingo a dimisión do presidente galego, Alfonso Rueda, pola súa xestión dos lumes.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, demamndou este domingo ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que asuma as súas responsabilidades políticas na vaga de lumes do pasado mes de agosto e dimita.

Pontón, que fixo estas declaracións desde a manifestación convocada pola Plataforma por un Monte Galego con Futuro, denunciou a "neglixencia e incompetencia" do presidente da Xunta á hora de "tomar as medidas de prevención que evitaran unha situación así".

"Esta vaga de lumes", asegurou Pontón, "que nos deixa unha auténtica catástrofe ambiental, social e económica, ten responsábeis políticos e por iso seguimos exixindo a dimisión de Rueda como máximo responsábel da situación que nos levou aquí".

A dirixente nacionalista asegurou que as políticas levadas a cabo nos últimos anos polo PP son as que provocaron o abandono do medio rural que "converte o monte nun polvorín" e apuntou que "é falso" que esta vaga de incendios non se puidera previr.

"E o Goberno do Partido Popular,", continuou Pontón, "en vez de tomar as medidas para protexer a poboación e para protexer os nosos montes, foi na dirección contraria", advertindo que os populares "non teñen aprendido nada ao longo destes anos".

Pontón destacou que "non pode ser que, cando un Goberno provoca coas súas políticas forestais e de abandono do medio rural unha situación así, diga que non son responsábeis absolutamente de nada e que a súa solución é botar balóns fóra".

"E se isto nos parece moi grave", explicou Pontón, "o que xa é absolutamente temerario é que teñamos un goberno que, despois dos incendios máis grandes deste século, di que non vai cambiar absolutamente nada".

Valoración da manifestación

A voceira nacional do BNG manifestou que a mobilización  desenvolvida este domingo expresou " a indignación dunha cidadanía que non está disposta a ver como o noso país ten que arder, ano tras ano, sen que nada cambie e que lle reclama ao Goberno galego un xiro de 180 graos".