Pontón, no 'caso Vilares', pide que a Xunta lle ofreza á vítima a posibilidade de ser acusación particular no proceso xudicial

Ana Pontón con deputadas do BNG, o 12 de xuño. (Foto: Nós Diario)
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu de novo a comparecencia no Parlamento do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, polo 'caso Vilares'.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu de novo esta quinta feira a comparecencia no Parlamento do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, polo caso Vilares e reclamou que o Goberno galego aplique a Lei galega de violencia de xénero ofrecéndolle á vítima a posibilidade de presentarse como acusación particular para acompañala no proceso xudicial. 

"Queremos trasladarlle unha mensaxe moi clara á sociedade,  e moi especialmente ás mulleres deste país, que é que non imos permitir que o encubrimento dun presunto asesor por parte do señor Rueda durante meses quede impune", indicou nunha rolda de prensa na que estivo acompañada das deputadas do grupo parlamentario do BNG. 

A líder nacionalista considerou "inaceptábel" que as mulleres galegas "pensen que non merece a pena denunciar unha agresión sexual ou calquera outro caso de violencia de xénero porque corre o risco de que o Goberno, co seu presidente á cabeza, cuestione a denuncia". 

Pontón asegurou, ademais, que desde a formación nacionalista "tampouco imos permitir que quede impune que o propio Goberno, co seu presidente á cabeza e desde a sede oficial da Xunta, proclamara a inocencia dun conselleiro que estaba denunciado por unha agresión sexual e que o despedira entre eloxios e aplausos, o que, de facto, supón cuestionar a veracidade da denuncia". 

O "amigo" de Rueda

A líder nacionalista cuestionou a razón pola que o presidente da Xunta mantivo no cargo un conselleiro "e amigo persoal" pese a que era coñecedor desde febreiro da denuncia por agresión sexual".

Ademais, a portavoz do BNG quere saber como é posíbel "que se tardara meses en informar desa denuncia e horas en difundir o nome da vítima, supostamente desde o entorno do conselleiro, como informaron varios medios de comunicación" ou "por que se usan os medios públicos e as redes sociais para desenvolver unha campaña de apoio ao presunto agresor".