Pontón pide un fondo soberano para sectores estratéxicos de 1,2 millóns

Ana Pontón en rolda de prensa o 21 de abril de 2025. (Foto: Arxina)
O BNG levará ao Debate do Estado da Nación o 'Fondo Nova Galiza Innovadora', unha iniciativa coa que priorizar proxectos "estratéxicos, sostíbeis e con raíz" e ser "un motor de transformación e fortalecemento do tecido industrial galego".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou onte que no Debate sobre o Estado da Nación proporá a creación dun fondo soberano galego para tratar de atraer investimentos estratéxicos e que estará dotado inicialmente con 400 millóns de euros coa previsión de chegar a 1.200 millóns no ano 2030.

Baixo o nome 'Fondo Nova Galiza Innovadora', o seu obxectivo é priorizar proxectos "estratéxicos, sostíbeis e con raíz" para ser "un motor de transformación e fortalecemento do tecido industrial galego".

Así o destacou en rolda de prensa a líder nacionalista, que sinalou que se trata dun instrumento para facer "política con maiúsculas" e que o Goberno galego tome "as rendas da política tecnolóxica e industrial".

Tal e como explicou, a iniciativa conta con tres obxectivos: dinamizar o investimento en sectores estratéxicos (enerxético, alimentario, forestal, naval ou aeroespacial, entre outros); defender a galeguidade e o enraizamento das empresas; e impulsar o desenvolvemento de sectores emerxentes e con gran capacidade de crecemento. 

Nesta liña, Pontón subliñou que este fondo é unha iniciativa "nova, ambiciosa e transformadora" e denunciou que durante os gobernos do PP a taxa de investimento "caeu" até estar "por baixo da media do Estado".

Tamén valorou que é "transformador" por permitir que o sector público "actúe directamente na transformación, investindo en sectores estratéxicos". Ademais, apuntou que supón un cambio "absoluto" no modelo de "canalización de fondos públicos". En concreto, trasladou que sería un modelo "centrado nos investimentos estratéxicos" nas que poderán colaborar "outro tipo de entidades do sector público, como entidades locais ou universidades", exemplificou.