Pontón reúnese co presidente do Senado mexicano e coa futura ministra de Igualdade de México
Xunto á eurodeputada Ana Miranda reúnese con galegos vinculados a sector hostaleiro, no que a comunidade galega ten un importante peso.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, continuaron na segunda xornada da súa viaxe a México coa axenda de contactos políticos, sociais e empresariais no país azteca, unha rolda de contactos que se enmarca dentro dunha axenda máis ampla que o BNG mantén con América Latina e que xa desenvolveu previamente en países como Chile ou Colombia.
Nesta segunda xornada en México, Pontón e Miranda mantiveron un encontro co presidente do Senado, Fernández Noroña, con quen analizaron os retos e cambios máis importantes que está levando adiante o Goberno mexicano e ao que trasladaron a importancia das relacións internacionais entre México e Galiza.
A líder nacionalista tamén se reuniu coa secretaria xeral da formación política Morena e senadora do Congreso da Nación de Estados Mexicanos, Citlalli Hernández, que será a próxima ministra de Igualdade do novo Goberno mexicano e coa que compartiron o convencemento de que este é “un tempo de mulleres, onde as políticas feministas teñen que dar pasos cara adiante, sobre todo nun país como México, onde seguen existindo tantas desigualdades de xénero”, sinala Pontón.
Nesta segunda xornada en México, Pontón e Miranda tamén mantiveron un encontro con persoas da comunidade galega vinculadas ao sector da hostalería, o que lles permitiu ter contacto cun sector económico no que ten moito peso a emigración galega.
A portavoz nacional e a eurodeputada do BNG asisten ao acto de investidura da nova presidenta, Claudia Sheinbaum, en resposta ao convite da formación política Morena, un acto no que participarán Pontón e Miranda, como antes asistiron en representación do Bloque ás tomas de posesión dos actuais presidentes de Chile e Colombia.