O BNG insiste en que Tomé debe deixar todos os seus cargos

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)
Pontón denuncia a "dobre vara de medir" dun PP que "amparou un conselleiro denunciado por agresión sexual" e que "ameaza con deixar sen protección as vítimas de violencia machista por facer a súa política cutre".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu insistir en que o até o de agora presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, debe deixar tamén a acta na institución tras renunciar á Presidencia (algo que aínda non fixo efectivo) despois de transcender acusacións contra el de acoso sexual.

A preguntas dos medios esta sexta feira nun acto no Parlamento da Galiza, a líder nacionalista pediu ao político lucense que tome "a única decisión sensata" desde o punto de vista "ético e moral", a cal, dixo, é "deixar todas as súas responsabilidades".

Unha cuestión que, para Pontón, implica "deixar as actas", algo que manifestou "debería de facer durante o día de hoxe [por esta sexta feira]" e é o que, engadiu, exixen desde o BNG. "Esta persoa pertencía á dirección do PSOE e será esta organización quen teña que resolver un problema que non ten nada que ver connosco", subliñou.

Nesta liña, cuestionada polo pacto BNG-PSdeG na Deputación de Lugo, Pontón insistiu en que a formación nacionalista dixo desde o primeiro momento que non estaría "nun Goberno no que participase Tomé". "Esa é a posición que temos e niso seguimos", remarcou.

Todo iso, lembrou, nun contexto con "acusacións tan graves" que causan "grande indignación". Por iso, manifestou que Tomé debe "non só renunciar, senón renunciar á acta". Con todo, recoñeceu, "tal e como está a lexislación, as actas non son das organizacións, senón das persoas". "Mais por dignidade, ética e respecto ao que debe de ser a política e respecto á institución, o que debería de facer é deixar esa acta", reiterou.

Dobre vara de medir do PP

Por outra parte, a voceira do BNG volveu sinalar que cando hai unha denuncia o que hai que facer é "acompañar ás vítimas", algo que, relatou, "non é sempre o que se fai", facendo referencia á denuncia contra o ex conselleiro do Mar Alfonso Villares por unha presunta agresión sexual.

"Recordo que o PP ante unha denuncia no xulgado por unha situación de acoso sexual, en lugar de acompañar, o que fixo foi despedir entre aplausos o ex conselleiro do Mar. É unha vergoña e pareceríame terríbel que esta práctica se puidese estender a todo tipo de organizacións", aseverou.

Por todo iso, Ana Pontón insistiu en que o BNG estará sempre "ao lado das vítimas" e das mulleres que denuncian, "acompañándoas e deixando claro que a prioridade debe ser estar ao seu lado". Neste sentido, mostrou a súa "preocupación" porque o PP "utilice ás vítimas para facer a súa política cutre", pondo o foco na advertencia da Xunta da Galiza ao Goberno español de retirar a Unidade de Policía Adscrita do labor de protección ás vítimas de violencia machista se non se renova o convenio de colaboración e asignan máis medios á Galiza. "Paréceme unha mesquindade que non podemos tolerar cando falamos de algo tan grave como a violencia machista", reprochou antes de criticar a "dobre vara de medir do Partido Popular".