Pontón expresa "todo o apoio ás persoas detidas" por protestar contra Israel na Volta
O BNG reclama a liberdade das persoas detidas e denuncia a actuación das forzas de seguridade do Estado.
As protestas desenvolvidas na Galiza contra a presenza dun equipo israelí na Volta ciclista ao Estado e a detención de 10 persoas que participaban nas mobilización este marcando o debate político neste domingo sete.
O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, asegurou nas súas redes sociais que "a Volta tamén é marca España e para defender a causa palestina non hai que desprestixiar un evento que é de todos os españois ou pór en risco a seguridade".
"Boicoteada por motivos políticos"
Núñez Feixoo foi máis alá apuntando que non "respaldo" "que unha competición sexa boicoteada por motivos políticos", se ben matizou que non " respaldo o que ocorre en Gaza", en relación co xenocidio do pobo palestino.
A voceira do BNG, Ana Pontón, saíu en apoio das mobilización contra a presenza israelí na Volta ciclista, manifestándose "orgullosa dun pobo que denuncia o xenocidio de Palestina".
"Todo o apoio ás persoas que protestan ante a presenza do equipo de Israel na Volta", aseverou Pontón, quen considerou "indignante que se deteña a quen ergue a voz contra a barbarie, todo o apoio ás persoas detidas".
Pontón esixiu "explicacións" polas detencións e afirmou que "non deterán nunca a nosa solidariedade, a defensa dos dereitos humanos". Nesta dirección, rematou aseverando que "Palestina vencerá".
Néstor Rego
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou "explicacións ao Goberno do Estado ante a excesiva actuación das forzas e corpos de seguridade na primeira xornada da Volta na Galiza" e avanzou a presentación dunha iniciativa
Rego denunciou "a detención de persoas que estaba a protestar pacificamente en apoio a Palestina, unha delas dirixente do BNG" así como "identificacións previas por portar bandeiras palestinas e galegas e mesmo cargas policiais sen ameaza á seguranza pública".
O deputado nacionalista esixiu "a inmediata posta en liberdade das persoas detidas e demanda unha investigación e a depuración de responsabilidades na cadea de mando ante a vulneración dos dereitos fundamentais de manifestación e expresión".