Evencio Ferreiro deixa a Alcaldía tras 22 anos: "Carballo queda, sen dúbida, en moi boas mans"
Ana Pontón acompañouno no pleno de despedida e definiuno como "o mellor alcalde da historia de Carballo" e "exemplo do que o BNG quere para toda Galiza".
O alcalde de Carballo (Bergantiños), Evencio Ferreiro, formalizou este sábado a súa renuncia á Alcaldía tras 22 anos á fronte da institución, nun pleno municipal cheo de emoción e de veciñas e veciños que quixeron despedilo.
Ferreiro, de 70 anos e con máis de catro décadas na corporación —entrou en 1979 nas primeiras eleccións democráticas locais—, deixa o cargo por motivos persoais. No seu lugar será elixido Daniel Pérez, até agora concelleiro de Deportes e deputado do BNG no Parlamento galego, que asumirá a Alcaldía nos dous anos que restan de mandato.
"Carballo queda, sen dúbida, en moi boas mans", afirmou Ferreiro no seu discurso de despedida. Aliás, o xa ex rexedor de Carballo, aseguroulle a Pérez que terá "toda a colaboración que sexa necesaria para seguir facendo desta vila un bo lugar para vivir". Os tres grupos municipais —BNG, PP e PSdeG— dedicáronlle palabras de agradecemento e recoñeceron o seu papel na transformación da vila.
"O exemplo" que o BNG "quere para Galiza"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, desprazouse este sábado a Carballo (Bergantiños) para acompañar a Evencio Ferreiro. Pontón cualificou Ferreiro como "o mellor alcalde da historia de Carballo" e subliñou que deixa atrás "un concello referente de dinamismo económico, social e cultural en toda Galiza".
A líder do BNG destacou que o traballo de Ferreiro e do seu equipo demostra "a capacidade do BNG" para "transformar e mellorar" a vida das persoas, desde a confianza, desde o orgullo de saber que somos un gran país". "Carballo é o exemplo da Galiza que o BNG quere pór en marcha", afirmou.
Pontón asegurou que a traxectoria de Ferreiro é "impecábel e extraordinaria", e atribuíu o éxito do proxecto carballés a un modelo de Goberno "feito coa xente", con "humildade" e "coa man tendida".
No mesmo acto, Pontón destacou a figura de Daniel Pérez, e expresou a súa convicción de que "Carballo seguirá avanzando con paso firme e forzas renovadas". "Dani Pérez coñece o Concello, ama Carballo e tivo a oportunidade de aprender do mellor", subliñou.