Pontón destaca a dignidade dun pobo mobilizado contra o xenocidio: "Galiza está con Palestina"

Ana Pontón, na mobilización pro palestina este 5 de outubro en Compostela. (Foto: César Arxina / Europa Press)

A portavoz nacional do BNG celebrou a masiva resposta cidadá en Compostela e instou Alfonso Rueda a rectificar e permitir que o Parlamento galego condene o xenocidio.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, expresou o seu "inmenso orgullo" ante a resposta da sociedade galega, que este domingo volveu saír ás rúas para denunciar "o xenocidio que o Estado de Israel perpetra contra o pobo palestino coa complicidade internacional".

"Os galegos e as galegas saímos a rúa para falar por todo o pobo palestino que non pode facelo, por todas as persoas sepultadas debaixo das bombas e dos cascallos, por todos eses nenos e nenas que non tiveron infancia, por todas esas persoas que seguen sufrindo o xenocidio por parte do Estado criminal de Israel. É un orgullo ver a cidadanía galega que alza a voz, que non mira para outro lado e que di alto e claro que hai que parar o xenocidio en Palestina", declarou ao inicio da multitudinaria manifestación na capital da Galiza.

A líder nacionalista encabezou a representación do BNG, acompañada polo deputado no Congreso Néstor Rego, a senadora Carme da Silva, a eurodeputada Ana Miranda e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, entre outros responsábeis da formación.

Pontón denunciou a actitude do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do PP galego, que "se negan a permitir que o Parlamento da Galiza condene o xenocidio". "O señor Rueda demostra até que punto está lonxe dos galegos e das galegas que maioritariamente reclaman o fin do xenocidio e accións contundentes contra Israel", advertiu.

A portavoz do BNG tamén criticou duramente a pasividade da Unión Europea e dos gobernos occidentais, de "brazos cruzados durante anos de inacción que continúa en pleno xenocidio". "Pese aos milleiros de persoas asasinadas, 680.000 segundo o informe dos relatores da ONU, 300.000 nenos e nenas, o único que fixeron no mellor dos casos, foron declaracións mornas, palabraría barata de quen na práctica está actuando con complicidade con ese Estado criminal de Israel".

Por iso, o BNG reclama a ruptura total de relacións diplomáticas, económicas e militares con Israel, así como o xuízo do goberno de Netanyahu na Corte Penal Internacional por crimes contra a humanidade.

"En Palestina xógase a vida de miles de persoas, o dereito a ter futuro nun Estado propio na súa terra, e en Palestina hoxe tamén está en xogo o triunfo da humanidade fronte á barbarie, o dereito internacional, do dereito dos pobos á paz, se deixamos que Gaza caia, ninguén estará a salvo", recalcou Pontón. "Polo tanto, o BNG vai seguir a carón da sociedade galega que de maneira maioritaria está dicindo que hai que parar este xenocidio, dicíndolle ao pobo palestino que non está só, que estamos aquí ao seu carón e non imos parar até poñer fin a este xenocidio. Galiza está con Palestina", concluíu.