Pontón defende que a CRTVG destine o 6% do seu orzamento a impulsar a creación audiovisual galega e en galego
O BNG pedirá a devolución do proxecto de lei de medios públicos, a cal considera “unha volta de porca máis do PP no control e secuestro” da TVG e a Radio Galega.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo que, de maneira efectiva, o 6% do orzamento da CRTVG se destine a impulsar a creación audiovisual “galega e en galego”, atendendo moi especialmente á produción de cinema e de ficción na Galiza, unha das propostas que defende o BNG para que o ente público reforce o seu papel como “motor do sector audiovisual galego”.
Así o manifestou logo da reunión que mantivo con representantes da Mesa Galega do Audiovisual, na que trasladou ao sector a importancia de que a CRTVG cumpra coa súa “vocación de servizo público” e contribúa a dinamizar o audiovisual feito no país. “Esta é unha cuestión de vital importancia para o funcionamento do ente público e cremos que hai que traballar máis intensamente tanto na produción propia como nas coproducións ou na compra de produtos audiovisuais galegos e en galego”, sintetizou.
A líder nacionalista engadiu a esta, dúas propostas máis: a primeira, a creación dunha comisión de selección de ordes de convocatorias de proxectos para que haxa “claridade e transparencia” nos produtos que contrata a compañía. “É clave acabar coa opacidade e a discrecionalidade que, neste momento, está operando na CRTVG”, sinalou sobre unha cuestión que considerou especialmente importante de cara a alimentar de contidos a plataforma galega impulsada desde o ente.
Neste sentido, instou o Goberno galego a “tratar por igual a todas as produtoras” e só “favorecer o talento”, para o que o BNG cre necesario a creación desta comisión que garante que as convocatorias sexan “claras, transparentes e iguais para todo o sector”.
Por último, Pontón defendeu tamén a creación do Consello Audiovisual de Galiza, entendido como unha autoridade independente de regulación da comunicación neste ámbito e que teña como finalidade “velar polo cumprimento da normativa” que se aplica aos prestadores de servizos de comunicación audiovisual, tanto públicos como privados. Un órgano, recordou, que xa funciona no ámbito europeo e que xa formaba parte da lei de 2012, pero que, a día de hoxe, segue sen materializarse.
Lei de medios públicos
A portavoz nacional da formación tamén se referiu ao proxecto de lei de medios públicos presentado polo PP e que constitúe, advertiu, “unha volta de porca máis no control e secuestro por parte dun Partido Popular empeñado en facer da televisión e da radio públicas o seu aparato de propaganda”.
Por iso, o BNG presentará unha emenda de devolución a un proxecto de lei que supón, en primeiro lugar, “un importante retroceso democrático” ao impulsar un “control absoluto” dos medios públicos e o nomeamento “unilateral da súa dirección por parte do PP” e, en segundo termo, por constituír un “auténtico asalto” á CRTVG, xa condenada por vulnerar a liberdade de expresións das e dos seus profesionais, ao eliminar e bloquear calquera espazo de participación das súas traballadoras, co obxectivo de “seguir manipulando a opinión pública deste país”, recalcou Pontón.
A terceira das razóns que motivan a emenda de devolución do BNG o “ataque directo” que supón o proxecto lexislativo aos dereitos lingüísticos das galegas e dos galegos, un retroceso da lingua galega nos medios públicos, cando unha das súas misións principais é precisamente a promoción, difusión e impulso da lingua galega.
“Nun momento no que o galego está no peor momento da súa historia, a aportación que fai o Partido Popular é limitalo e acurralalo tamén na CRTVG”, advertiu a líder nacionalista, quen atribuíu este movemento do PP á súa intención de “converter a lingua galega, a lingua propia de Galiza, nunha lingua residual”.
A portavoz nacional afirmou que o BNG vai seguir defendendo uns medios públicos ao servizo dos galegos e das galegas e non ao servizo do Partido Popular” porque, alertou, “estamos pagando máis de 100 millóns por unha televisión pública para que se converta no aparato de propaganda de Rueda”. “O debate que ten que ter a sociedade galega é como lle quitamos o mando da CRTVG ao señor Rueda e como llo devolvemos ao conxunto da cidadanía galega, que é quen paga os medios públicos a través dos seus impostos”, concluíu.