Pontón critica que o PP siga "ancorado" na foto das Azores: "A Xunta segue sen aprobar medidas, só temos anuncios"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou esta quinta feira, 26 de marzo, o "papelón" do Partido Popular no Pleno do Parlamento galego, onde votou en contra de condenar a guerra ilegal no Irán esta cuarta feira. Un voto que, segundo Pontón, deixa en "evidencia" que o PP de Rueda "segue ancorado na foto dos Azores e do lado do tándem criminal Trump-Netanyahu", sinalou Pontón en declaracións após reunirse na Coruña con Avia Veira, a nova candidata á Alcaldía da formación nacionalista na cidade herculina.
"En lugar de pórse do lado do sentir maioritario dos galegos e das galegas para dicir 'non á guerra', o PP elixiu dicir 'si á guerra', colocándose do lado de Trump, do lado da barbarie... en lugar de pórse do lado da humanidade e do dereito internacional", denunciou a líder do BNG.
Pontón destacou ademais que, malia que a guerra está "impactando de cheo" no peto dos galegos e das galegas, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, segue "de brazos cruzados", sen que a día de hoxe se aprobase "nin unha soa medida para axudar as familias e os sectores da economía máis afectados pola suba de prezos derivada do conflito bélico en Oriente Medio".
Unha guerra que, lembrou, está a provocar "dor, sufrimento e a morte de miles de persoas inocentes", pero que tamén "se deixa sentir no noso país empeorando a vida dos galegos e as galegas", que teñen que afrontar no seu día a día as "consecuencias económicas" derivadas. "E malia iso, a día de hoxe, a Xunta segue sen aprobar nin unha soa medida, o único que temos son anuncios", sinalou Pontón.
Medidas 'anticrise'
O plan proposto polo BNG, destacou Pontón, inclúe "axudas directas" para os sectores afectados e "habilitar unha liña de crédito para pemes ante a suba de prezos". Contempla, ademais, un "escudo social galego" que inclúa un bono de transporte universal por 30 € ao mes, duplicar o complemento autonómico para as pensións máis baixas ou levantar as peaxes das autoestradas da Xunta.
Aliás, o BNG anunciou este 26 demarzo que emitirá o seu voto favorábel ao Real Decreto-Lei 7/2026, que permitirá aprobar o Plan Integral de Resposta á crise en Oriente Medio. Con todo, o seu deputado no Congreso, Néstor Rego, sinalou que estas medidas son "insuficientes" e "reclamou unha maior ambición".
Veira, candidata á Alcaldía
Ana Pontón reivindicou a figura de Avia Veira como a candidata á Alcaldía da Coruña, que abrirá "un novo tempo" na cidade herculina, tras a súa elección para optar á máxima responsabilidade municipal na asemblea que o partido celebrou esta cuarta feira. Avia Veira, desde hai anos edil no consistorio coruñés, optará á Alcaldía tras a decisión do anterior candidato e actual portavoz municipal do BNG, Francisco Jorquera, de non presentarse á reelección.
Á súa vez, Avia Veira comprometeuse a traballar por unha cidade "mellor gobernada". Ademais, insistiu en que se presenta "con moita ilusión" ao ser a primeira muller candidata do BNG á Alcaldía coruñesa. "Hai veciños con moitos problemas que exixen respostas reais", sinalou para referirse a cuestións como o servizo de lixo ou a mobilidade. A súa proposta, insistiu, é "pór á Coruña no centro, gobernar pensando na xente".