Pontón chama á mobilización masiva en defensa da sanidade pública na Galiza

Ana Pontón e María Albert, na Festa do Codillo, na Rúa, este sábado. (Foto: Nós Diario)
A portavoz nacional do BNG alertou desde a Festa do Codillo, na Rúa, dos recortes no sistema sanitario galego, así como o “desmantelamento” dos servizos en Valdeorras. 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo unha chamada a participar “masivamente” na manifestación deste domingo en Santiago para defender a sanidade pública e para exixirlle ao Goberno de Rueda que “rectifique as súas políticas de recortes e privatizacións que está detrás do deterioro do sistema público”. “O que está en xogo é a saúde dos galegos e das galegas”, advertiu. 

“Temos que reverter esta situación de recortes e privatizacións”, asegurou, e é por iso que, explicou, o BNG sairá de novo ás rúas para secundar “unha desas mobilizacións que tanto lle molestan ao señor Rueda” que, na vez de “pórse de lado da xente que sofre” o colapso das urxencias ou as listas de espera cada vez máis longas na Atención Primaria, “prefire poñerse detrás da pancarta da extrema dereita”. 

 

Durante unha visita a A Rúa (Valdeorras), onde participou na XVII Festa do Codillo, Pontón referiuse precisamente a esta comarca como exemplo do “desmantelamento da sanidade pública que o PP leva facendo nos seus 17 anos de goberno”. “Hai nenos e nenas sen pediatras, centros de saúde nos que hai listas de espera e un hospital que converteron en pouco máis que un centro de especialidades”, denunciou sobre a situación da sanidade pública nesta comarca. 

Unha situación que se dá “en todo o País e que obedece”, reprobou, a unha “estratexia deliberada de recortar na sanidade pública a favor da sanidade privada”. “Non é só incompetencia do PP, é ideoloxía”, advertiu tras denunciar o recorte de 1.650 millóns de euros no sistema público nestes últimos anos mentres que a Xunta “aumenta” os recursos que deriva á privada, até acadar só este ano a “cifra récord” de 341 M€.  

“Como non van estar as urxencias colapsadas, como non vai estar a Atención Primaria ao límite ou como non vai haber listas de espera para ver ao médico ou médica de cabeceira se recortas 1.650 M€?”, preguntouse.  

Acompañada da alcaldesa da Rúa, María Albert, a líder do BNG denunciou tamén o “abandono máis absoluto” no que o Goberno galego ten á comarca de Valdeorras tras sufrir este verán “os incendios máis grandes da historia”. “Seis meses despois”, engadiu “a situación segue a ser desoladora” porque, cunha paisaxe tinguida de negro, non están facendo nada para a recuperación do monte, do terreo calcinado”. 

Fronte á xestión do PP, Pontón contrapuxo o modelo de goberno do BNG na Rúa onde, da man de María Albert, trabállase “a favor da veciñanza, para mellorar a vida das persoas coa protección social e a mellora dos servizos públicos como prioridade”. Destacou, neste sentido, os programas para facilitar a conciliación familiar e as “melloras” nas infraestruturas e equipamentos neste eido, así como a xestión da auga que está a facer o goberno nacionalista para garantir o abastecemento e a depuración a través coa construción dunha nova ETAP (estación de tratamento de auga potable).  

“Parabéns a alcaldesa e a todo o seu equipo, que están demostrando que o BNG ten un modelo de goberno municipal de calidade, capaz de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, que para iso debe servir a política para dar solucións aos problemas reais da xente”, manifestou durante a súa visita á Festa do Codillo.