Pontón acusa a Rueda de pór os intereses de Altri por riba dos da Galiza
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, participou esta domingo en Arzúa nunha concentración de rexeitamento á celulosa que Altri proxecta en Palas de Rei, na comarca da Ulloa.
A dirixente nacionalista, que estivo acompañada durante a protesta polo alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, acusou ao Goberno galego de “traizón” ao país e de pór “os intereses dunha empresa por riba dos galegos e as galegas".
"A xente deste país non vai calar”, asegurou a voceira nacionalista, “e, fronte a traizón do Partido Popular, estamos vendo a dignidade dos galegos e das galegas que imos parar esta auténtica atrocidade”.
Pontón defendeu que “fronte a traizón do Partido Popular o que queda é mobilización, mobilización e mobilización". Neste sentido, chamou á cidadanía a galega a saír a rúa para paralizar o proxecto.
“Saiamos á rúas a dicir Altri, non”
"O próximo sábado temos unha cita central na Pobra do Caramiñal”,afirmou Pontón, “e quero facer un chamamento a que todas as persoas que lle queren a Galiza, que queren que teñamos industrias de futuro e non industrias contaminantes como Altri: saiamos á rúas a dicir Altri, non"
A voceira do BNG cualificou a Altri de “industria contaminante” que ameaza "o medio de vida, o traballo e o futuro de miles de galegos e galegas que viven do rural e do mar, desde a comarca de Arzúa-Ulloa até a de Arousa, desde O Barbanza até Palas de Rei”.
A dirixente nacionalista manifestou que coa declaración de impacto ambiental (DIA) o Goberno de Rueda quere “imporlle á xente deste país unha industria contaminante que pon en risco o río Ulla e a ría de Arousa, que pon en risco tamén toda a produción agraria que hai na comarca Arzúa Ulloa".
"Un disparate e un desastre"
Pontón considerou que os plans da Xunta e de Altri son "un disparate e un desastre" desde o punto de vista medioambiental e un golpe á economía de comarcas como a de Arzúa, cunha denominación de orixe "que é unha das máis importantes do noso país, da que viven moitas familias e que, desde logo, é un valor cultural".
A portavoz do BNG emprazou ou ao presidente da Xunta da Galiza a responder unha "pregunta moi simple: se a macrocelulosa é tan boa por que non a queren en Portugal" e reclamoulle que deixe de criminalizar ás persoas que se opoñen ao proxecto.