Pontón acusa a Rueda de pór “os intereses de Altri por riba da vida das persoas”
A portavoz nacional, Ana Pontón, cualificou a marcha deste sábado contra Altri como “unha mobilización masiva e histórica, que que debería facer rectificar ao presidente da Xunta”.
“Rueda ten que escoitar esta marea de dignidade”, afirmou Pontón “e rectificar, deixar de lado a súa prepotencia, escoitar e rectificar, porque cando se trata de defender os intereses de Galiza o Goberno do PP acerta cando rectifica”.
Pontón amosouse orgullosa “ante a marea de dignidade e de mobilización dos galegos e das galegas que saen a rúa para dicir alto e claro: Altri non, Galiza si, para plantar cara á traizón do Goberno do PP disposto a pasar por riba da xente do rural e da xente do mar hipotecando o futuro de todo un país”.
A dirixente nacionalista instou ao presidente galego a deixar “a propaganda coa que quere tapar a gran mentira do que presentou como biofábrica cando en realidade era unha macrocelulosa contaminante”.
“Basta de mentiras”
“Basta de mentiras”, indicou Pontón “e basta de intentar desprestixiar aos miles de galegos e galegas que se mobilizan en defensa do rural e do mar, do medio ambiente e, en definitiva, dun futuro digno e libre da hipoteca que suporía a macrocelulosa”.
A responsábel do BNG criticou ao presidente da Xunta porque “aínda non foi capaz de contestar a unha pregunta moi simple: Altri é unha empresa portuguesa, se a macrocelulosa é un proxecto tan beneficioso, por que non o queren en Portugal, por que Galiza ten que apandar cunha bomba ambiental que non quere Portugal?”.
Pontón cuestionou os criterios seguidos polo Goberno galego para outorgar a Altri a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de celulosa de Palas de Rei na comarca da Ulloa.
“Decisión política”
“Estamos ante unha decisión política para favorecer a Altri e a Greenalia, socia no proxecto”, aseverou Ponton “e que, casualidades da vida, ten como directiva á ex conselleira de Medio Ambiente e compañeira de partido do señor Rueda, Beatriz Mato”.
“Todo un exemplo do ben engraxadas que están as portas xiratorias”, continuou Pontón, “e todo un exemplo de como o Goberno do PP traballa para as empresas amigas. Galiza merece un Goberno que se poña a traballar para os galegos e as galegas, por iso lle pido ao señor Rueda que escoite e rectifique”.
A voceira nacionalista denunciou os efectos da celulosa de Lourizán sobre a ría de Pontevedra e apuntou que “non lle imos permitir que fagan o mesmo coa Ría de Arousa, nin coa comarca da Arzúa-Ulloa, nin co río Ulla. Non lle imos permitir que poñan os intereses de Altri por riba da vida das persoas”.