Pontevedra urxe a paralizar Ence coa fin de asegurar o abastecemento de auga á poboación

O edil Xaquín Moreda e a conselleira Ángeles Vázquez. (Foto: Concello de Pontevedra)
O Concello exixe á Xunta que pare a actividade da celulosa dado o baixo caudal do río Lérez

O Concello de Pontevedra reclamou esta cuarta feira á Xunta de Galiza que “tome as medidas necesarias” diante da “preocupante situación” na que se atopa o río Lérez pola captación de auga pola celulosa de Ence. O concelleiro responsábel do Ciclo da Auga, Xaquín Moreda, compareceu diante dos medios para manifestar a “fonda preocupación” do Goberno local pola “crítica situación do caudal” do Lérez, que se atopa desde hai uns días por debaixo do “caudal ecolóxico”.

Moreda exixiu á Xunta que “pare a captación da auga de Ence no río Lérez”, xa que a considera “incompatíbel co abastecemento de auga para a poboación”. Segundo os datos do Concello, “a situación crítica do caudal” do Lérez está a “afectar gravemente a biodiversidade” e “pon en risco o abastecemento de auga á poboación de Pontevedra e concellos limítrofes. Moreda subliñou que “nos dous últimos días, o caudal máximo do río estivo por debaixo do caudal  ecolóxico que marca a Xunta”. Segundo os datos do Concello, o caudal máximo rexistrada esta segunda feira “foi de 1,49 metros cúbicos por segundo, mentres que o caudal ecolóxico é de 1,516”. 

Nunha situación mellor, en 2022, a Xunta de Galiza obrigou  Ence a parar a súa captación do Lérez e a pasteira tivo que parar a súa produción. Agora, segundo explicou Moreda “este dato sitúase entre os tres máis baixos dos últimos 15 anos”, e a situación “agrávase coas predicións meteorolóxicas que non apuntan choivas nos vindeiros 15 días”, un contexto “nada favorábel”, unha situación “comparábel ou peor” que en 2022.

Ence e Augas da Galiza, ente dependente da Xunta, teñen asinado un convenio que autoriza a pasteira a captación de 51,8 millóns de litros de auga ao día. Este convenio estabelece obrigas a Ence como manter sempre o “caudal ecolóxico” do Lérez, que esta semana a industria está a incumprir. 

A Xunta recúa

Nos últimos días, Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente -responsábel de Augas de Galiza-, insistiu en que non hai problema de abastecemento de auga, mesmo nunha recente reunión con Ence. Esta terza feira, Vázquez desbotaba estabelecer restricións ao consumo de auga, pero Medio Ambiente convocou para hoxe unha reunión da Oficina Técnica da Seca para valorar la toma de medidas diante da “escaseza de auga”. Esta cuarta, nun comunicado, o departamento de Vázquez atribúe a “varias semanas de calor intensa e alta evaporación” que os caudais dos ríos galegos “están sendo baixos”.