Piden a paralización das obras do túnel da Porta do Sol en Vigo

David Regades, Carmela Silva, Abel Caballero e Javier Pardo. (Foto: Europa Press).
O BNG insta ao Congreso a deter este proxecto e obrigar ao Concello a estudar vías alternativas.

O proxecto do Concello de Vigo para o soterramento do tráfico na Porta do Sol e a peonalización da súa superficie podería paralizarse nas vindeiras datas.

Segundo se contempla na proposta, o túnel comezaría na rúa Policarpo Sanz e remataría en Elduayen. Porén, o alcalde vigués, Abel Caballero, non desbota amplialo até a rúa Conde de Torrecedeira.

Aínda que as obras comezaron o pasado outubro, o Congreso decidirá se esta proposta segue adiante ou, pola contra, o consistorio vigués deberá estudar outras alternativas.

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, apuntou esta segunda feira que o actual deseño (licitado por 17 millóns de euros) “carece de xustificación e necesidade para promover a efectiva peonalización da Porta do Sol”.

En consecuencia, a formación nacionalista levará este debate a Madrid co obxectivo de deter as obras e instar ao Concello a estudar vías alternativas.

A oposición a esta obra fíxose patente en febreiro do pasado ano, cando seis colectivos ecoloxistas recolleron o sentir dun amplo sector cidadán a través do manifesto 'Vigo sen fumes', no que xustificaban a súa postura alegando que a redución do tráfico é incompatíbel con construír "máis infraestruturas para coches".

A veciñanza viguesa opúxose en máis dunha ocasión a este proxecto, que no Concello de Vigo conta só co apoio da bancada socialista.