Pedro Sánchez presentará a súa proposta de Pacto de Estado ante a emerxencia climática na apertura do curso político
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, presenta este 1 de setembro a proposta de Pacto de Estado para afrontar a emerxencia climática, nun acto que terá lugar ás 12 horas no Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Miteco), e ao que tamén asistirá a presidenta do PSOE, Cristina Narbona.
O Pacto de Estado fronte á emerxencia climática centrará esta segunda feira o acto de apertura do curso político do xefe do Executivo español, na sede do Ministerio que dirixe Sara Aagesen, que pediu esta semana "coordinación e unidade" ante "un drama como son os incendios".
Sobre o contido do pacto, a ministra mostrábase convencida de que "a compoñente rural, a compoñente de reto demográfico, vai ser unha variábel imprescindíbel". Por outra parte, preguntada por se fan falta máis medios e máis profesionais para facer fronte aos incendios, incidía en que "ten que ser xente profesionalizada" e apostaba por "dignificar a carreira" con "mellores condicións en materia de formación, en materia do operativo".
Para achandar o camiño ao Pacto de Estado, o presidente do Goberno español creou unha Comisión Interministerial para o Cambio Climático e a Transición Enerxética, que mantivo a súa primeira reunión no Complexo da Moncloa antes do último Consello de Ministros e Ministras.
A Comisión Interministerial para o Cambio Climático e a Transición Enerxética púxose en marcha co fin de lograr o mellor tratamento das políticas públicas en materia de transición cara a un modelo produtivo e social máis ecolóxico, segundo indicaron desde o Goberno liderado por Sánchez.
O presidente do Executivo estatal defende así a necesidade de "redimensionar e redefinir todos os aspectos vinculados coa mitigación e a adaptación ao cambio climático", á luz do ocorrido este verán cos incendios que arrasaron boa parte do Estado español (con especial incidencia na Galiza) e as temperaturas récord rexistradas.
Para o presidente do Goberno estatal, trátase de algo que hai que "facer conxuntamente as institucións e o resto da sociedade". "Somos todos os afectados por esta emerxencia climática", sostén Sánchez.
Desta maneira, o líder socialista considera que é necesario facer "unha aposta que transcenda as lexislaturas e que, por tanto, a emerxencia climática e as políticas vinculadas coa emerxencia climática sexan políticas de Estado".