Paulo Carlos López, secretario xeral de Sumar Galicia: "Precisamos unha organización sólida, alén dos ciclos electorais"
—Que obxectivos se marca Sumar Galicia tras a asemblea?
Temos dous obxectivos principais: un orgánico e outro político. O primeiro é capilarizar a organización, asentarnos no territorio e realizar unha expansión que nos permita estar dunha forma solvente nos próximos comicios electorais na Galiza. Somos conscientes das debilidades que o espazo político afrontou durante os últimos anos e chegamos á conclusión da necesidade dunha organización sólida, máis aló dos ciclos electorais. Neste sentido, a vocación de permanencia é algo novidoso de Sumar Galicia. Logo está o obxectivo político, que é o de dar visibilidade ás iniciativas no Congreso de Manuel Lago e Verónica Martínez.
—Que logros para Galiza conseguiu no Goberno estatal?
Os principais son aqueles ligados á mellora das condicións materiais da cidadanía galega. Máis aló do marco de cantas infraestruturas conseguimos ou cantos aspectos puntuais de investimento se conseguen, hai unha mellora substancial das condicións de vida dos galegos e das galegas a partir da suba do salario mínimo e outras iniciativas do Ministerio de Traballo. Máis aló, temos en axenda a AP-9. Como Goberno temos que orientarnos cara a unha AP-9 pública, galega e gratuíta. Os pasos que está dando o Goberno do Estado con Sumar camiñan nun horizonte máis ou menos próximo coa súa nacionalización.
—E para o futuro?
Dentro da competencia autonómica creo que os que teñen a ver con vivenda e mobilidade. [Alfonso] Rueda ten que aplicar a Lei de Vivenda na Galiza, declarar as zonas tensionadas e promocionar vivendas públicas. Logo en mobilidade temos que ir camiñando cara áreas metropolitanas, onde se fomente o metro lixeiro, principalmente en Vigo e A Coruña.
—Estará presente Sumar nas eleccións municipais?
Estará. Non son as nosas principais eleccións por estar enfocadas cara a formacións con moita máis tradición e implantación, mais non fuximos delas. Sumar Galicia vai estar nas sete cidades galegas, hai que ver a fórmula. Hai, evidentemente, espazos preconstituídos que funcionan e non debemos fraccionar senón colaborar. Noutros lugares non existen e nese sentido vai ser un motor de impulso que faga que solidifiquen candidaturas municipais, veremos de que forma. Non temos que obsesionarnos en presentar moitas.
—Que pode aportar Sumar ao panorama político galego?
Nós podemos achegar dúas cousas que son importantes. No plano ideolóxico e das políticas públicas, incorporamos todo o acerbo das ideas máis progresistas de Europa. Tamén podemos achegar a nosa atracción de certo electorado. Hai un voto progresista que non se mobiliza nas galegas e que, tradicionalmente, vota o noso espazo, e polo tanto a nosa responsabilidade é romper ese marco de competición.