O Partido Galeguista activa no Grove os seus novos espazos de participación
O Grove (O Salnés) acolleu o pasado sábado, 5 de xullo, un acto de presentación do Partido Galeguista no Hotel Mar do Norte. A cita serviu para abordar cuestións centrais para o presente e o futuro do país, con especial atención ao medio rural, á economía, á mocidade, ao emprego e á lingua galega.
O encontro estivo presidido polo presidente do Partido Galeguista, Xesús Manuel Suárez García, e contou coa intervención do secretario xeral, Francisco López Franco 'Chesqui'. Xunto a eles estiveron presentes tamén os responsábeis das diferentes secretarías do partido, nun "claro sinal de cohesión e traballo conxunto" nesta nova etapa.
Durante a sesión, á que asistiron afiliadas, afiliados, simpatizantes e veciñanza da comarca, abriuse un espazo de reflexión e diálogo co obxectivo de escoitar activamente as achegas da cidadanía. Nun ambiente construtivo, compartíronse propostas, inquedanzas e visións diversas que o Partido Galeguista considera "fundamentais para avanzar cara a unha Galiza máis xusta, cohesionada e con futuro".
No marco deste encontro, o Partido Galeguista presentou tamén as súas novas ferramentas telemáticas, entre as que destacan a nova páxina web, as redes sociais oficiais e a sede en liña. Todas elas están deseñadas "para facilitar o contacto directo coa sociedade galega, fomentar a participación cidadá e achegar a política aos fogares e ás persoas de todo o país".
"Frescura, preparación e compromiso"
A estratexia, maquetación e deseño destes espazos dixitais foi elaborada por David Martínez Manso, membro das Xuventudes Galeguistas, experto en Comunicación Corporativa e Responsabilidade Social, que compaxina as súas funcións profesionais co apoio activo ao Partido Galeguista. O seu traballo estivo coordinado coas secretarías de Análise Social, Sociodemografía e Medios Telemáticos, e coa Secretaría de Prensa e Relación cos Medios de Comunicación.
A súa participación reflicte unha "clara aposta pola incorporación dunha nova ola xeracional de talentos ao servizo do pobo galego, que achega frescura, preparación e compromiso ao proxecto común". Nesta liña, tamén forman parte activa das Xuventudes Galeguistas mozos e mozas como Martín Bea Garrido, empregado no sector aéreo e fundador da iniciativa CrewNow, entre outras actividades de emprendemento. Todos eles representan unha xeración formada, comprometida e con vocación de servizo público, chamada a revitalizar o galeguismo con ideas novas e unha mirada integradora.
Como mostra do seu "compromiso coa proximidade e a escoita activa", o Partido Galeguista anunciou tamén a apertura dun novo domicilio en Santiago de Compostela, na praza da Quintana, onde todas as persoas interesadas poderán achegarse para trasladar as súas opinións, propostas e preocupacións de xeito directo e persoal.
Baixo o lema "Escoitar", o Partido Galeguista subliña que a súa prioridade é coñecer de primeira man as necesidades reais do pobo galego. A organización comprométese a recoller esas voces para transformalas en "accións e políticas concretas ao servizo do país". Desde unha posición de "humildade, mais tamén de responsabilidade histórica", defenden a necesidade de abrir un debate profundo e plural no que Galiza teña a palabra e estea sempre por riba de calquera outro interese.
O acto clausurouse cun poema da autora Ana Vila, coñecida como “Poeta Labrega”, que puxo o broche cultural e emocional a unha xornada marcada pola palabra, o compromiso e a esperanza.