O Parlamento galego urxe un marco transitorio para o sector do mar

Comisión de Pesca, esta terza feira 20 de xaneiro. (Foto: Parlamento da Galiza)
Buscan evitar sancións polos novos controis da UE.

O Parlamento galego pediu esta terza feira ao Goberno español un marco transitorio de aplicación ante os novos controis pesqueiros que fixa a Unión Europea (UE) que evite sancións ou penalizacións ao sector.

A votación produciuse na Comisión de Pesca o día seguinte a que o Ministerio de Pesca accedera a flexibilizar o novos controis de acordo coas reivindicacións das confrarías e tras un paro da frota na Galiza en sinal de protesta coas medidas, que consideraban "inasumíbeis". A proposta do PP saíu adiante co apoio do PSdeG e a abstención do BNG.

A popular Nazareth Cerdán, criticou que "até o luns" "o Goberno non quixo escoitar" o sector, e que o regulamento europeo "impón medidas pensadas para a frota industrial" e "non está adaptada" á frota de baixura galega.

O socialista Carlos López Font cargou contra a "hipocrisía" do PP, que "critica o Ministerio pola aplicación do regulamento europeo cando foi o propio PP quen apoiou este regulamento" na Eurocámara", pois "votárono os seus eurodeputados" e defendérono "os seus dirixentes".

A deputada do BNG Rosana Pérez tamén reprochou que o PP "mente" ao sector pesqueiro sobre este regulamento. "Que saiba todo o sector galego que o Executivo europeo que descoñece a nosa realidade é o PP europeo", destaca a nacionalista.

Tope "definitivo" e "flexibilidade"

O Consello Galego de Pesca tamén aprobou esta terza feira unha serie de propostas. Entre elas, solicitar un "tope definitivo que non sexa tan prexudicial como a redución negociada en decembro". Ademais, pídese a admisión dunha "flexibilidade interanual superior ao 10% pola situación excepcional" e proponse unha mellora na asignación da cota da sardiña e do bocarte.