A oposición pide ao PP "transparencia" nos contratos de transporte público
O BNG presentou esta terza feira no Parlamento, a través do deputado Paulo Ríos, unha moción na que demandou que se cumpran os contratos en vigor do servizo público de transporte, que se trasladen aos grupos os expedientes sancionadores ás empresas concesionarias, así como os datos de quilómetros percorridos no transporte a demanda por concesión nos anos 2021 e 2023, o número de viaxeiros e de expedicións.
Igualmente, pediu que se trasladase aos grupos a documentación relativa ás ofertas gañadoras dos contratos dentro do actual Plan de transporte público, garantir o seu acceso "de maneira universal" para o alumnado de educación non obrigatoria, ademais de que se trasladasen os datos da frota de buses titulares e reserva de todas as concesións, cos datos de calidade ambiental e antigüidade, e realizar os estudos pertinentes para crear o Consorcio de Transportes da Galiza.
Na defensa desta moción, que foi rexeitada cos votos da bancada popular, Ríos asegurou que a Xunta da Galiza ten o sector "con respiración asistida" e que "tende cara ao monopolio de grandes grupos ou dun gran grupo de transporte".
Tras anunciar o seu voto a favor, o deputado do Grupo Mixto, Armando Oxea (DO), apuntou que ter información serve para "tomar boas decisións".
A continuación, o socialista Carlos López Font criticou que "máis que unha revolución no transporte, estamos ante unha auténtica involución".
Desde o PP, pola súa parte, o deputado Gonzalo Trenor lamentou que a oposición diga que o transporte vai "cara a un monopolio" e instou o Grupo nacionalista a que o denuncie "nos xulgados" .