A oposición exixe no Parlamento galego un cambio de modelo forestal: nacionalistas e socialistas demandan "solucións inmediatas"
O BNG e o PSdeG realizaron esta sexta feira no Parlamento galego varias preguntas ao director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, sobre a xestión da Xunta da Galiza na vaga de incendios rexistrada o pasado verán. Neste sentido, ambas as formacións da oposición exixiron "solucións inmediatas".
A deputada nacionalista Montserrat Valcárcel asegurou que a cidadanía pide "respostas reais e solucións inmediatas" tras a vaga de incendios. "A peor", sentenciou, para asegurar que "non é sostíbel que con máis medios que nunca a resposta sexa máis lenta, máis descoordinada e máis perigosa para quen defende o noso monte".
Unha situación que, segundo a deputada socialista Carmen Dacosta, é consecuencia dos "incumprimentos da Xunta". "Queren manter un modelo forestal que demostrou limitacións, apostan por un modelo sen prevención", sinalou antes de lembrar que "o plan forestal aínda non está operativo", e demandar unha "folla de ruta".
Na súa resposta, o director xeral insistiu en que, no que compete ao seu departamento, estanse cumprindo as recomendacións "do que temos que facer". Ademais, tamén remarcou que as competencias non son exclusivas do Goberno galego, aludindo ás que recaen nas deputacións ou nos concellos, a través das brigadas municipais.
Denuncia ás aeroliñas
Sumar formalizou esta sexta feira a súa denuncia contra Ryanair, Vueling, EasyJet e Iberia ante a Axencia Estatal de Seguridade Aérea por subir os prezos dos voos entre Galicia e Madrid durante a vaga de incendios do pasado verán coincidindo co momento no que os fogos obrigaron a cancelar o tránsito ferroviario no traxecto.