A Xunta defende que a sociedade Recursos da Galiza non se someta ao control público
A xestión da entidade público-privada Recursos da Galiza e o papel na mesma da Xunta enfrontou esta sexta feira no Parlamento o Goberno e a oposición. Mentres o Executivo rexeitou aplicar na mercantil as medidas de transparencia demandas polo Consello de Contas, o BNG e o PSdeG denunciaron a súa "opacidade".
A Sociedade para o Aproveitamento Sostíbel de Recursos Naturais da Galiza, coñecida como Recursos da Galiza, é una sociedade mixta formada por 30 mercantís e polo Goberno galego, que posúe 30% do capital. A súa razón social é a participación "en proxectos de xeración de enerxías verdes, de aproveitamento da riqueza mineira ou iniciativas que requiran concesións de augas", e está presidida pola conselleira de Economía, María Jesús Lourenzá, e ten como conselleiro delegado Emilio Bruquetas.
Recursos da Galiza centrou esta sexta feira o debate na Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento galego, que se desenvolveu 10 días despois de que o Consello de Contas denunciara que “a Xunta non ten aprobado un marco normativo nin ten implantadas medidas de xestión que incrementen o nivel de transparencia e de supervisión nestas entidades nas que a participación pública, aínda que poida non ser maioritaria, é moi relevante”, e reclamara que a súa actuación sexa “sometida a control, supervisión pública e rendición de contas”.
A negativa da Xunta
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, criticou o Consello de Contas por demandar transparencia a Recursos da Galiza e sinalou que a Xunta non ten previsto achegar ao organismo fiscalizador información sobre a empresa. Neste sentido, argumentou que “non é unha sociedade mercantil que faga parte do sector público autonómico”, malia que a conselleira Lourenzá a definise como o instrumento principal da política industrial do Goberno galego.
O parlamentario do BNG Brais Ruanova criticou a "opacidade" de Recursos da Galiza. A este respecto, salientou que a “fiscalización” da sociedade “queda excluída do entorno do sector público a pesar de ser unha sociedade que vai ter unha alta incidencia no desenvolvemento da política industrial e de recursos" do país. Na mesma dirección, cualificou a empresa de “chiringuito” e destacou que o Goberno galego destinou nas súas contas aos entes instrumentais “máis de 2.000 millóns de euros, máis que o orzamento total de, por exemplo, a Consellaría de Política Social".
A deputada socialista Patricia Igrexas denunciou as reiteradas "negativas" do Goberno galego a ofrecer ao seu grupo información sobre a sociedade e advertiu de que é “un híbrido sen control público que quere xogar no mercado enerxético, cando todos sabemos que nin vai ser pública, nin vai ser social, nin tampouco vai abaratar a luz a todos os galegos e galegas”. Ao tempo, manifestou que “esta forma de proceder” da Xunta “amosa unha falta de respecto polo funcionamento democrático das institucións e do control que debe exercer o poder lexislativo ao Executivo”, e aseverou que Recursos da Galiza non cumpriu “ningún" dos seus obxectivos fundacionais.