A nova lei de medios pasa con críticas pola Mesa da Cámara
A Mesa do Parlamento da Galiza aprobou esta quinta feira as normas de elección dos membros do Consello de Administración e do director xeral da que será a Corporación de Servizos Audiovisuais da Galiza, S.A. (CSAG), a até o de agora CRTVG. Desta maneira, a dirección deste organismo pasará a ser elixida en primeira votación por dous terzos e en segunda por tres quintos do Parlamento da Galiza, isto é, por 45 dos 75 representantes da Cámara. Porén, nunha das súas disposicións transitorias fíxase que no caso de non alcanzar a proposta esa maioría reforzada abondará, pasados tres meses, coa maioría absoluta do Parlamento, fixada en 38 escanos, que supera o PP cos seus 40 actuais.
Esta norma modifica a Lei 9/2011 que estabelecía só unha maioría cualificada no Parlamento de dous terzos en primeira votación e de tres quintos en segunda. Ademais, a modificación que propuxo o Goberno galego entra en contradición coas críticas que o portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado, realizou no seu momento ao real decreto aprobado polo Consello de Ministras e Ministros que rebaixa as maiorías necesarias para desbloquear a renovación do Consello de Administración de RTVE, acusando ao PSOE de querer o "control absoluto".
Críticas de BNG e PSdeG
Consultadas respecto ao trámite parlamentario, fontes do BNG e o PSdeG mostraron a súa oposición a estas normas en liña coa súa postura contraria á nova lei. En concreto, o BNG sostivo que todo o proceso se enmarca nunha reforma impulsada polo PP para "facerse co control absoluto da CRTVG" e "ter a posibilidade de modificar á persoa que actualmente ostenta a dirección xeral simplemente cos seus votos". Neste sentido, a formación nacionalista incidiu na necesidade de "rescatar os medios públicos galegos, poñelos a servizo do país e garantir o dereito para ter uns medios públicos plurais, obxectivos e veraces".
Esta quinta feira mesmo, ademais, na Comisión Permanente non Lexislativa de Control da CRTVG, a deputada nacionalista Mercedes Queixas, criticou o legado do seu actual director por deixar uns medios públicos "con menos audiencia e menos plural que nunca".
Pola súa parte, o grupo socialista asegurou que votou en contra por considerar que se trata dun paso mais na lei impulsada "de forma unilateral polo PP para apontoar o control político dos medios públicos de comunicación", al que interpretan como "a consecuencia práctica dunha norma concibida para eliminar calquera rastro de acordo parlamentario por maioría cualificada para a sucesión do director xeral do ente".
No seu momento o máximo órgano de representación do persoal da CRTVG, o Comité Intercentros, tamén expresara o seu rexeitamento á nova norma afirmando que "a nosa alegación será a mobilización".