Nós demanda unha banca pública galega e En Marea reúne 30 candidaturas de confluencia
As formacións que concorren ás eleccións do 20D continuaron esta segunda feira cunha intensa axenda de campaña electoral.
Nós Candidatura Galega acompañou a protesta das persoas afectadas pola nova estafa bancaria do aforro galego. En Marea celebrou un encontro cunha trintena de candidaturas municipalistas onde pediron “unha primavera longa” que se estenda até as autonómicas. O PSdeG reuniuse con membros do sector gandeiro; mentres o PPdeG carga de novo contra toda o resto das formacións.
Nós Candidatura Galega
“Vaise tratar a estafa bancaria de miles de galegos e galegas, vaise tratar algún dos problemas que afectan ás persoas deste país?”, preguntouse Callón, en referencia ao debate televisivo das catro principais forzas estatais. O número 1 de Nós denunciou ademais que un de cada catro euros dos aforros das galegas, un total de 14.000 millóns de euros, “emigran fóra de Galiza para financiar investimentos noutras partes do territorio”.
Callón trasladou a proposta de Nós para a creación dunha banca pública galega que “garantan a canalización do aforro caras as pemes e as familias galegas”. Destacou o traballo institucional do BNG -forza integrada en Nós- xunto a presión social polo espolio das caixas galegas, cuestión que foi agradecida pola Plataforma de preferentistas.
En Marea
“Queremos levar a voz ao Congreso e as mareas municipalistas son o espello. En Marea debe ser un motor para que máis xente siga participando nos espazos municipais para tecer a rede e abrir espazos de cooperación”, asegurou a número por Pontevedra, Alexandra Fernández.
As mareas trasladaron no manifesto o seu apoio á candidatura de En Marea para “que leven a onda de ilusión avanzada polos nosos gobernos rebeldes ao Congreso dos Deputados”. Consideraron que os resultados das municipais serviron “para bater á clase política, unha clase política que non se parecía a nós, sobre a base dun forte compromiso ético. Propuxemos un novo contrato, unha nova política”. Por ese motivo, aseguraron que “Maio foi só o comezo, Galiza quere un cambio, e isto non hai quen o pare”.
PSdeG
PPdeG