Norberto Uzal: De candidato da Falanxe, a director xeral de Feixoo e agora, imputado por fraude

No centro, Norberto Uzal (Imaxe: Xunta da Galiza)

O xuíz da Audiencia Nacional José Luis Calama propuxo xulgar unha organización criminal constituída ao redor dunha empresa que entre 2016 e 2019 cometería unha fraude fiscal en concepto de IVA de hidrocarburos superior aos 154 millóns. Entre as persoas xulgadas atópase José Norberto Uzal, director xeral de Administración Local da Xunta presidida por Alberto Núñez Feixoo entre 2009 e 2013.

Unha trama de fraude fiscal de 154 millóns salpica José Norberto Uzal, o que fora director xeral de Administración Local da primeira etapa de Goberno de Alberto Núñez Feixoo, entre 2009 e 2013, fichado para a Consellaría de Presidencia por Alfonso Rueda. O xuíz da Audiencia Nacional José Luis Calama propón levalo ao banco dos acusados, xunto a outras vinte persoas, por delitos de organización criminal e branqueo.

Norberto Uzal (Vigo, 1971) é avogado e foi membro do Partido Popular, mais con antelación a ocupar a Dirección Xeral de Administración Local en 2009, concorrera ás eleccións do Parlamento Europeo. Fora en 1994 e non se presentara nas listas do PP, senón na candidatura da Falanxe Española, partido do que fora xefe territorial na Galiza.

Ademais de ser director da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), ocupou un posto na Asesoría Xurídica do Concello de Cambados. Posteriormente, foi edil do PP en Rianxo, cargo que deixou en 2016.

Non foi o de concelleiro o único posto do que dimitiu, pois en 2013 deixou a Dirección Xeral logo de actuar como informante no caso do conflito entre o alcalde e a secretaria de Palas, que ficara apartada do seu posto de traballo malia fallar ao seu favor o Tribunal de Xustiza da Galiza. Ademais, a Delegación do Goberno ordenara recorrer a sanción imposta á funcionaria.

No citado caso de Palas, o Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local censurara o informe de Norberto Uzal, contrario á secretaria, e acusárao de deixación de funcións.

Fraude de 154 millóns