O nomeamento da nova directora xeral da CRTVG é "un atropelo", di a plataforma de persoal dos medios publicos no Estado

Concepción Pombo, primeira pola dereita, na súa intervención na comisión parlamentaria da CRTVG, o pasado 27 de maio. (Foto: Clara Xanthina)
Explican nun comunicado que "non hai lexislación que ampare aos profesionais da comunicación".

O acontecido esta terza feira no Parlamento da Galiza coa elección da nova directora xeral da CRTVG, Concepción Pombo, por maioría absoluta, como marca a nova Lei de Medios —que reduciu os votos necesarios, facendo innecesario agora que o PP chegue a consensos coa oposición— é o punto de inicio das mobilizacións anunciadas esta terza feira pola Plataforma RTVs Públicas en Loita.

Esta entidade está constituída polos comités de empresa de televisións públicas da Galiza, Asturias, Euskadi, Madrid, Catalunya, Andalucía, Illes Balears, País Valencià, Estremadura, Canarias, Castela-A Mancha, Murcia e seccións sindicais de RTVE. Baixo o lema “Abonda!” anuncian un “camiño de mobilización en defensa dos medios de comunicación públicos para que estean libres de inxerencias políticas”.

Explican nun comunicado que “non hai lexislación que ampare aos profesionais da comunicación” e denuncian que, tal e como aconteceu na Galiza, “as persoas que están ao mando son elixidas a dedo, por procesos internos dos propios partidos, sen transparencia”.

A iniciativa naceu en Compostela e anunciaron esta terza feira que “cada vez que os partidos políticos cometan un atropelo en calquera dos territorios do Estado, denunciarémolo”.