Néstor Rego exixe medidas para reducir a sinistralidade viaria

Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
O BNG alerta do mal estado das estradas na Galiza.

O BNG, a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, rexistrou esta sexta feira iniciativas para demandar ao Goberno español  información e actuacións inmediata ante o aumento da cifra de sinistralidade viaria na Galiza.

Rego sinalou que o balance provisional do Ministerio do Interior revela que 96 persoas faleceron en accidentes de tráfico nas estradas galegas, seis máis que o ano anterior.

Esta cifra supón 8,5% do total de vítimas mortais no conxunto do Estado, evidenciando, segundo o deputado do BNG no Congreso, que "as políticas actuais non están a funcionar e que na Galiza seguimos pagando unha factura inasumíbel pola falta de investimento e de planificación en materia de seguranza viaria".

O deputado nacionalista advertiu de que os datos confirman que non se conseguiu reducir o número de mortes nas estradas galegas na última década, cunha especial incidencia nas estradas da Coruña, onde se rexistraron 39 falecidos.

A iniciativa do BNG tamén pon o foco no aumento histórico dos accidentes provocados por fauna, especialmente en Ourense, onde se rexistraron 1.763 colisións con animais, maioritariamente con xabarís.

Segundo Rego, "o Goberno debe analizar con rigor a relación entre este fenómeno e as consecuencias da vaga de lumes do pasado verán, que provocou o desprazamento da fauna cara a zonas habitadas e vías de comunicación".

O nacionalista lembrou que as estradas convencionais concentran a maior parte da sinistralidade. Galiza, destacou Rego, conta cunha das redes viarias máis extensas do Estado, con máis de 17.000 quilómetros, dos cales perto de 15.000 son estradas convencionais.

"Moitas destas vías levan décadas sen un mantemento axeitado, sen melloras de trazado, sinalización nin adaptación ás condicións actuais do tráfico", denunciou.