"Negar a violencia machista é violencia machista": o BNG denuncia os recortes da Xunta en igualdade

Presentación da campaña do BNG para o 25-N, este 20 de novembro en Compostela. (Foto: Nós Diario)
O BNG vén de presentar a súa campaña polo 25-N, centrada en denunciar o negacionismo "activo e pasivo" da violencia machista.

O BNG presentou esta quinta feira en Compostela a súa campaña polo 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, centrada en denunciar o negacionismo "activo ou pasivo" da violencia machista que, segundo a organización, "a dereita está abrazando na Galiza e no Estado". A responsábel de Acción Feminista da formación nacionalista, Noa Presas, advertiu de que estes discursos "fan que institucións como a Xunta da Galiza baixen a garda diante do tema máis importante para as mulleres: o dereito a unha vida libre de violencia machista".

Presas criticou que o PP galego "encara agora o 25-N recortando máis de un millón de euros" en políticas contra a violencia machista no orzamento de 2026, ao tempo que "mantén servizos privatizados" que deberían ser públicos, como "fixo cos centros de crise 24 horas, e prevé facer agora cos CIM móbiles prometidos hai dous anos".

A portavoz nacionalista en materia feminista lembrou que na Galiza foron asasinadas máis de 60 mulleres desde 2008 e que arredor de 6.000 están hoxe incluídas no sistema Vioxén. Nese contexto, denunciou que o PP "amparase durante meses un presunto agresor sexual nun cargo público", referíndose ao ex conselleiro do Mar Alfonso Vilares: "É unha mensaxe perversa que alimenta a invisibilización da violencia machista e dificulta avanzar".

A campaña presentada polo BNG leva por lema "Negar a violencia machista é violencia machista", e busca confrontar tanto o discurso negacionista como o que atribúen a Vox e aos pactos de gobernos conxuntos ou o que vén na acción do PP galego: "Temos unha Lei de Violencia de 2007 que, 18 anos despois, segue sen desenvolver aspectos chave como a prevención, a coeducación ou a atención psicolóxica".

1% do orzamento galego e reforzo de persoal

Para o 25-N, o BNG demanda tres medidas urxentes ao Goberno de Alfonso Rueda: destinar o 1% do orzamento da Xunta á loita contra a violencia machista, arredor de 140 millóns de euros; reverter a privatización dos centros de crise 24 h e deter a externalización dos CIM móbiles, apostando por unha xestión pública integral; e ampliar a atención psicolóxica ás vítimas, que hoxe só chega a un terzo das mulleres do sistema Vioxén, mediante a contratación de 100 profesionais de Psicoloxía en Atención Primaria.

Segundo Presas, esta última medida permitiría atender polo menos o 60% das vítimas que denuncian, un obxectivo "realista e imprescindíbel se queremos garantir dereitos".