Monedero: “En Marea debera terse feito doutra maneira”

[Imaxe: Podemos Galicia] Acto en Pontevedra

Un “proxecto autónomo”. Iso é no que acreditan Juan Carlos Monedero e Carmen Santos. O fundador de Podemos considera que o proceso de constitución de En Marea “debería terse feito doutra maneira”.

Monedero e Carmen Santos salientaron o sábado nun acto público en Pontevedra que Podemos debe desenvolverse na Galiza como “proxecto autónomo” e “con entidade propia” dentro dun marco de “pluralidade” con outras forzas políticas.

 

Quen foi un dos fundadores de Podemos lembrou que “moita xente non entendeu a xenerosidade” da formación morada ao entrar a formar parte de En Marea, cuxo proceso “debería terse feito doutra maneira”.

 

Tamén asegurou que Podemos “é necesaria” para “reforzar” En Marea, “necesitamos na Galiza e no Estado que Podemos Galicia exista”. Por outra banda, defendeu que a forza política sexa “delimitada e con entidade propia” no país, e cunha “relación irmandada con Podemos no Estado”.

 

Na mesma liña, Carmen Santos apelou a un “proxecto autónomo e diferenciado con alianzas”.

 

Catalunya

 

Monedero tamén se referiu ao procés soberanista encetado en Catalunya. Afirmou que “a solución ao reto catalán” producirase cando En Comú Podem goberne a Generalitat e Podemos no Estado español. E advertiu de que o referendo do 1-O é “un falso referendo”. Aproveitou para cargar contra o president, Carles Puigdemont, a quen vinculou co “Goberno do 3%”.

 

Aliás, amosouse partidario de levar “ao conxunto do Estado” un “referendo pactado e vinculante” que remate por ancorar o que denominou –seguindo os termos marcados na constitución española- “nacionalidades históricas”, en referencia a Galiza, Catalunya e Euskal Herria.