Moción de censura en Touro coa mina de pano de fondo

Faixa contra a mina de Touro. (Foto: Nós Diario)

O PP terá o apoio de Darío Rey, concelleiro non adscrito, que non entrará no Goberno e “fiscalizará e velará porque se cumpre o acordo” desde a oposición, pacto polo que o Concello creará unha comisión municipal, que presidirá o edil non adscrito, e que será a que tome todas as decisións respecto a a mina.

O concelleiro non adscrito de Touro (comarca de Arzúa), Darío Rey, entregará a Alcaldía ao portavoz municipal do PP, Jesús Reboredo, tras alcanzar un acordo para presentar unha moción de censura contra o actual rexedor, Roberto Castro, de Movemento Veciñal. 

O groso do acordo que alcanzaron tanto o edil como o PP pasa porque o Concello compareza nos procesos xudiciais que incumban a mina de Touro-O Pino. Ademais, o propio Rey presidirá unha comisión de medio ambiente cuxo criterio o novo Goberno local deberá respectar.

O concelleiro non adscrito foi o 'número dous' da lista de Movemento Veciñal e formou parte do Goberno local, no que tamén está o Partido Galego, até a súa saída por discrepancias co rexedor. O éxito da moción de censura será posíbel grazas a unha sentenza do Tribunal Constitucional de mediados de xuño que elimina un parágrafo da lei electoral que recollía que, se a proposta se presentaba cun tránsfuga, a maioría absoluta requirida ampliábase.

O comunicado que asina Darío Rey critica que os anteriores gobernos -incluídos os do PP, que até 2023 contaba con maioría absoluta- non compareceron contra a mina, algo "de especial gravidade dada a relevancia do tema para o futuro do territorio e da súa poboación".

De feito, este edil critica que o actual alcalde "tampouco recorreu" a declaración deste proxecto como "estratéxico" por parte da Xunta, senón que mantivo unha "posición ambigua, xogando a dous bandos entre os intereses dos veciños e da promotora".

"O novo enfoque", engade o texto coas exixencias de Rey, "pretende superar esa etapa" e priorizar "exclusivamente o interese xeral do Concello, que non é outro que o que lle atribúe a lexislación vixente: a defensa do medio ambiente, da saúde pública e da protección dos seus veciños ante situacións de vulnerabilidade ou desigualdade fronte a grandes operadores económicos".