Medio Ambiente solicita ao TSXG que revogue a suspensión da caza do lobo
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, fixo público esta segunda feira que o Goberno galego solicitou ao Tribunal Superior de Xusticia da Galiza (TSXG) levantar a suspensión da caza do lobo no país para retomar o seu 'Plan de xestión', alegando que "os ataques van a máis".
A conselleira incidiu en que, "no seu día", desde o Goberno fíxose "todo o traballo necesario para dar cobertura e seguridade" aos concellos e gandeiros e, porén, as actuacións paralizáronse debido á suspensión determinada polo TSXG.
Ao facer referencia aos datos obtidos pola Xunta, Vázquez subliñou que agora se producen "dez ataques ao día" e que en algúns concellos, entre os que citou Curtis (As Mariñas), Ferrol e Cerdedo-Cotobade (Tabeirós-Terra de Montes), produciuse unha "concentración moi importante" de problemas co animal.
Motivos da prohibición
En xuño do ano pasado o TSXG suspendeu de forma cautelar o réxime da Xunta da Galiza de xestión do lobo na tempada 2024-25, por entender que puña en risco a viabilidade das poboacións deste animal.
Unha decisión ratificada en outubro ao aplicar o tribunal o principio de precaución ambiental, entendendo que non se ofrecía información "nin cualitativa, nin cuantitativa sobre os danos á gandaría", segundo o auto. Ademais, explicaba que eses danos ao sector, "malia non ser reversíbeis, si son indemnizábeis".
O TSXG concluía indicando que existían "indicios consistentes, coas mesmas limitacións probatorias, dunha cualificación desfavorábel respecto ao estado das poboacións". Por eses motivos a Xustiza decidiu suspender a cazaría autorizada pola Xunta.