Máscaras para a Xunta e salario para Koldo? O PSOE pide a comparecencia de Feixoo e Tellado

Alberto Núñez Feixoo e Miguel Tellado, nos corredores do Congreso. (Foto Gabriel Luengas Europa Press)
A formación socialista quere que Tellado compareza para que "esclareza os contactos que, segundo publicaron diversos medios de comunicación, mantería con Koldo García Izaguirre desde o ano 2020 en diante, ben persoalmente ou ben por persoa interposta". Ademais, solicitan a comparecencia de Feixoo para que "esclareza a súa posíbel implicación nos contactos de Jacobo Pombo García e Miguel Ángel Tellado Filgueira con Koldo García Izaguirre para a consecución de máscaras destinadas á Xunta da Galiza".

O PSOE solicitou esta sexta feira as comparecencias do líder estatal do PP, Alberto Núñez Feixoo, e o portavoz popular no Congreso, Miguel Tellado, na comisión de investigación do Senado sobre todas as ramificacións do 'caso Koldo' para que "esclarezan" a súa "posíbel implicación" co ex asesor ministerial Koldo García Izaguirre.

Así consta na listaxe que rexistrou o PSOE esta sexta feira, na que tamén solicitan a comparecencia ante a Cámara Alta do cántabro Jacobo Pombo, que foi alto cargo do PP, que tamén aparece no último informe da Unidade Central Operativa (UCO).

Pombo foi militante das Novas Xeracións do PP no distrito madrileño de Moncloa-Aravaca, onde compartiu espazo con Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso, traballou no Departamento de Relacións Internacionais na sede da rúa Xénova, pasou pola Fundación FAES de José María Aznar e polo Concello de Madrid, e nos últimos anos contou co apoio e o financiamento do Concello de Santander para desenvolver na cidade as reunións do Global Youth Leadership Forum, que desenvolveu xunto á presidenta de Cantabria, María José Sáenz de Buruaga (PP).

A formación popular ten maioría absoluta no Senado e previsibelmente vetará estas comparecencias, aínda que o PSOE defendeu no seu escrito que colabora con esta comisión de investigación a pesar "das dificultades e o uso partidista" por parte do PP.

En concreto, a formación socialista quere que Tellado compareza para que "esclareza os contactos que, segundo publicaron diversos medios de comunicación, mantería con Koldo García Izaguirre desde o ano 2020 en diante, ben persoalmente ou ben por persoa interposta".

Feixoo e as máscaras da Xunta

Ademais, solicitan a comparecencia de Feixoo para que "esclareza a súa posíbel implicación nos contactos de Jacobo Pombo García e Miguel Ángel Tellado Filgueira con Koldo García Izaguirre para a consecución de máscaras destinadas á Xunta da Galiza".

Pombo pagaría un salario a Koldo

O informe da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil pola presunta trama de amaño de obras públicas do 'caso Koldo' revela que o ex asesor do que fora ministro de Transportes e secretario de Organización do PSOE ,José Luis Ábalos, recibiu 1.025 euros durante catro meses do alto cargo do PP cántabro Jacobo Pombo.

"Dixéronme que en México me podían dar, que un chico que se chama Jacobo, que é verdade que el me ingresou 1.025 euros durante catro meses. Iso é certo", dixo Koldo García ao ex secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, nunha conversa mencionada no informe da UCO.