Marta Gómez deixa en mans de Artai Gavilanes o liderado dunha Galiza Nova "que só pode ir a mellor"

Artai Gavilanes, este sábado 29 de novembro na Asemblea de Galiza Nova. (Foto: Nós Diario)
Ana Pontón defendeu ante a militancia de Galiza Nova un nacionalismo galego entendido como "a determinación de que nós estamos en política non para aceptar o que non podemos cambiar, senón para cambiar o que non podemos aceptar".

Galiza Nova mantivo este sábado a XVIII Asemblea Nacional, que tivo lugar en Santiago de Compostela, onde Artai Gavilanes colleu o relevo de Marta Gómez, quen até o de agora era a secretaria xeral da organización da mocidade do BNG.

Unha semana antes, a Dirección Nacional organizara o debate para a asemblea e acordara por unanimidade a candidatura á nova Dirección Nacional, que pasa a estar encabezada por Artai Gavilanes, da comarca de Ourense, tal e como ratificou a militancia da organización.

Ana Pontón e Artai Gavilanes na Asemblea de Galiza Nova. (Foto: Nós Diario)

A Dirección puxo en valor o traballo feito durante o último período e nomeadamente o traballo da até o de agora secretaria xeral, Marta Gómez. "Hoxe tocou pechar esta etapa na que tanto medrei, na que tanto aprendín e da que tan, tan agradecida estou", manifestou quen foi líder da organización durante máis de catro anos.

"Galiza Nova é a ferramenta que a mocidade galega necesita, é a alegría e a rebeldía organizada. É un orgullo poder ser un anaquiño dos seus 38 anos de historia e marchar coa certeza de que o seu futuro nas mans de Artai e de toda a militancia da nova Permanente e da nova Dirección Nacional só pode ir a mellor", sinalou.

Marta Gómez visibelmente emocionada na Asemblea de Galiza Nova. (Foto: Galiza Nova)

Gavilanes, que foi candidato do BNG en diferentes procesos electorais, foi tamén responsábel da organización estudantil Erguer. Estudantes da Galiza. "Quería comezar dándolle a benvida a toda esa nova militancia que se incorporou neste último período a Galiza Nova e que vive hoxe a súa primeira Asemblea Nacional, a vosa presenza hoxe aquí é o mellor exemplo da vixencia e do bo momento de saúde do nacionalismo galego, e garante un futuro de esperanza para a mocidade deste país", comezou o novo secretario xeral no seu discurso tras ser elixido.

"Parabéns por ser quen de rachar co individualismo que nos impide ver a solución dos nosos problemas, e parabéns tamén por dar o paso a concebir Galiza en grande. É un orgullo ver como cada vez máis mozas se organizan en Galiza Nova", continuou.

"Estamos nun momento histórico para o nacionalismo galego. Galiza Nova ten o reto, nos vindeiros anos, de manter e continuar a aumentar o apoio social da mocidade ao proxecto nacionalista. A día de hoxe, a mocidade deste país mira para nós con bos ollos mais de forma paradoxal este apoio electoral e social non alcanza as mesmas cotas en canto a contestación social e organización política", afirmou Gavilanes.

"Isto non debe confundirnos, pois non é síntoma dunha baixa conciencia senón da falta de confianza na posibilidade de mudar as cousas, de construír un futuro mellor. Téñennos dito moitas veces que a mocidade parece estar durmida pero nós sabemos que iso non é así, e que levamos dentro a forza suficiente para mudar a realidade", argumentou.

A militancia de Galiza Nova durante unha das votacións da asemblea. (Foto: Nós Diario)

"Por iso, a nosa labor como militantes activas e coherentes é fundamental. Temos unha tarefa clara, elevar a autoestima colectiva que temos como pobo, batendo coas nosas propostas e argumentos nas consciencias das mozas e mozos galegos. Esa é a tarefa principal, espallar o nacionalismo na mocidade deste país. Ser o motor de cambio, xerar a esperanza que necesitamos", defendeu o novo secretario xeral de Galiza Nova.

"Encaremos este período coa convicción de que este país merece moito máis. No Sempre en Galiza afirmaba Castelao que o pobo galego non deixará de loitar pola súa liberdade até que sexa conquirida, a mellor homenaxe que podemos facerlle como mocidade nacionalista é continuar o seu traballo na loita por unha Galiza ceibe e popular", concluíu Gavilanes ante a militancia presente na asemblea.

Pontón reivindica o papel da mocidade

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou na Asemblea Nacional de Galiza Nova, un nacionalismo galego entendido como "a determinación de que nós estamos en política non para aceptar o que non podemos cambiar, senón para cambiar o que non podemos aceptar".

Perante as centenas de mozos e mozas reunidas, Pontón fixo un chamamento a manter "o orgullo de ser nacionalistas", que definiu como "o amor á Galiza, á nosa terra e á nosa xente". Reivindicou que Galiza "é unha nación" e que o nacionalismo é "o máis cosmopolita que hai" por ser "a ansia de cambiar o mundo empezando polo que temos máis cerca".

A nova dirección de Galiza Nova. (Foto: Nós Diario)

A líder do BNG sinalou varias frontes nas que é necesario "falar claro". Denunciou a "barbarie" en Palestina, que cualificou de "xenocidio", e acusou Israel de ser "un Estado xenocida", expresando a súa solidariedade co pobo palestino. "A súa loita é tamén a nosa", afirmou, proclamando que "Palestina vencerá". Así o fixo diante de Fayez Badawi, voceiro en Europa da Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP), presente na asemblea.

Ademais, Pontón criticou duramente a "tríada" sobre a que se sustenta o "réxime", "a coroa, o PP e o PSOE", á que acusou de "crispación, lameira e a súa sempiterna corrupción", afirmando que "todos están atados ao colar do mesmo amo, as grandes corporacións".

Pontón sinalou á mocidade como clave para "darlle un cambio a este país" e celebrou que apoie "masivamente o BNG". Neste sentido, reivindicou o labor de Galiza Nova como "espazo de debate, formación, participación e activismo político e social" que contribúe a "mobilizar xeracións enteiras".

A líder nacionalista tivo palabras de recoñecemento para a saínte Dirección, de maneira especial para Marta Gómez, e desexou "ánimo" á nova Dirección Nacional, encabezada por Artai Gavilanes. Para rematar, Pontón convidou as presentes a "facer política desde a esperanza", fronte a quen o fai "desde o medo e o odio".

Fayez Badawi e Artai Gavilanes. (Foto: Nós Diario)

Así, defendeu unha política que "acolle a quen foxe das guerras ou da miseria, porque ningún ser humano é ilegal", que loita por "mulleres libres e iguais" e que defende "sen ambigüidades que poidamos ser quen queiramos ser e amar a quen nos dea a gana".