Luis Villares non se presentará ás eleccións e abandonará a política

Luís Villares na súa comparecencia desta cuarta feira (Nós Diario).
 “A ética na política págase cara”, afirma

Luís Villares (Lugo, 1978) anunciou esta cuarta feira que non se presentará ás eleccións galegas do vindeiro 5 de abril e que ao remate deste mes abandonará a política. Regresará ao seu posto como maxistrado no Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), cargo que abandonou en 2016 para ser candidato do partido instrumental á Presidencia da Xunta.

O portavoz de En Marea compareceu en rolda de prensa e asegurou que o seu paso pola política era “temporal” desde o principio. “A ética na política págase cara”, sostivo. 

Para Villares, as conversas para artellar unha confluencia son complexas “polo de sempre, por un sillón”. “Estamos asistindo a un combate de postos”, aseverou. “Entendo que o cambio político chegará se os actores partidarios incorporan a voz da sociedade civil que non se sente representada nos partidos políticos”, salientou.

En Marea mantén o seu calendario de eleccións primarias para despois de que se feche o prazo para rexistrar as coalicións na Xunta Electoral, que será esta sexta feira. E continuará coas conversas co mesmo obxectivo que trasladou onte Villares a Nós Diario, o de "aglutinar a maior parte do soberanismo político progresista da Galiza" nunha candidatura "unitaria desde o punto de vista electoral".

O xuíz en excedencia recoñece que implicouse na primeira liña política "para axudar a construír unha alternativa". "Non fomos quen de facelo", afirmou, para a continuación "asumir" a súa "parte de responsabilidade".

Con todo, Luís Villares manifestou que é un "optimista impenitente" e mostrouse favorábel a que haxa un entendemento das forzas soberanistas e municipalistas. "Hai marxe para un acordo", dixo, e pediulle ás forzas implicadas "que escoiten á xente da rúa que pide unidade".