Leiceaga propón un Plano de Emprego xuvenil cun investimento anual por volta dos 100 millóns

Leiceaga, no uso da palabra. Foto: PSdeG

É todo un clásico das campañas eleitorais por parte das forzas da esquerda: a proposta dun plano de emprego xuvenil. Fíxoa este domingo Xoaquín Fernández Leiceaga, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta.

No momento en que o Plano de Emprego Xuvenil estivese “plenamente desenvolvido” se traduciría na contratación de arredor de 10.000 mozas e mozos cada ano, segundo as previsións do PSdeG.

Esta é a proposta estrela sobre a que o PSdeG puxo o foco durante o acto de apresentación, este domingo en Compostela, das bases programáticas coa que formación socialdemócrata concorre ás eleccións galegas.

“O 25 de setembro rematarán a resignación e a parálise, o cambio está nas mans do socialismo cun proxecto para a maioría social”, dixo Leicega neste acto.

O PSdeG estima que o plano podería chegar a contratar arredor de 10.000 mozas e mozos cada ano

“Apresentamos hoxe aquí, a pé de rúa, o noso proxecto para todos os galegos sen exclusión, as bases programáticas para unha resposta nova”, afirmou Leiceaga.

O candidato do PSdeG aproveitou o acto para solemnizar un duplo compromiso de acadar a presidencia: limitar o seu mandato a 8 anos e renunciar a vivir na residencia oficial de Monte Pío.