Lara Méndez, na previa do Comité Federal do PSOE: "Ninguén está exento de ter corruptos nas súas filas"
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, asegurou esta quinta feira que o Comité Federal do PSOE servirá para "seguir traballando e funcionando a nivel orgánico", unha vez apartado o ex secretario xeral Santos Cerdán do partido pola súa presunta implicación no 'caso Koldo'.
Neste contexto, expuxo que "ninguén está exento de ter o peso dos corruptos nas súas filas". O Comité Federal, que decorrerá esta fin de semana, servirá á formación socialista para reorganizarse "en clave interna" e decidir quen vai asumir a Secretaría de Organización, que até hai varias semanas ocupaba Santos Cerdán.
Preguntada en declaracións aos medios pola súa expectativa acerca de cambios profundos no partido de cara a un lavado de cara, Méndez insistiu en que o PSOE "xa demostrou como actúa cando se detecta algún caso de corrupción". "Non se trata dun lavado de cara. Trátase de sacar do partido a quen non cumpre", aseverou.
Desta forma, considera que "ninguén está exento de ter o peso dos corruptos nas súas filas. "Mais si temos a obrigación de actuar de maneira inmediata, de apartar a quen non cumpre cos mínimos que se nos exixen", continuou.
De cara ao encontro desta semana, a secretaria de Organización socialista na Galiza opinou que o obxectivo final é "ter un partido útil", que sexa o "instrumento necesario para chegar ás institucións e poder transformar a vida da xente".
"O que hai que facer é aplicar as leis"
Por outra parte, preguntada pola petición de Sumar ao PSOE dunha lei integral anticorrupción, Lara Méndez cre que "hai que aplicar as leis", "máis que seguir lexislando". Con todo, asegurou que igualmente "se porá máis o foco nesta cuestión para que ninguén quede libre de culpa cando se exerza a corrupción".
A coalición Sumar entregou esta cuarta feira ao PSOE un documento de negociación para reimpulsar a lexislatura após os últimos casos de corrupción. As medidas propostas pasarían pola creación dunha lei integral e unha Axencia anticorrupción, así como o endurecemento do Código Penal e a prohibición de indultos a persoas condenadas por este tipo de delitos, entre outras.
"A lexislación xa existe, mesmo xa hai mecanismos para que as empresas que entran neste xogo poidan ter a súa sanción. O que hai é que aplicar as leis", concluíu Méndez.