Julio Abalde será o novo subdelegado do Goberno e Aitor Bouza ocupará o seu escano no Parlamento

Aitor Bouza e Julio Abalde.

A até o de agora subdelegada, María Rivas, cesa no cargo e anuncia unha “nova etapa” no Concello da Coruña.

O curso político principia na Galiza con mudanzas que afectan tanto ao Parlamento da Galiza como aos cargos de responsabilidade e representatividade do Goberno estatal na Galiza.

Así, María Rivas, que nestes catro anos exerceu como subdelegada do Goberno español na Coruña, cesa neste posto. Ela propio anunciou esta sexta nas redes sociais que “en breve inicio nova etapa no concello da Coruña, a miña casa. Pecho outra marabillosa na Subdelegación do Goberno. Con ilusión e compromiso incorpórome ao proxecto de presente e futuro da alcaldesa Inés Rei. Seguimos! Grazas a tod@s!”.

Rivas é funcionaria no Concello da Coruña mais o seu anuncio semella apuntar a que nesa “nova etapa” poida obstentar algún posto ou cargo de confianza política.

O posto que deixa Rivas vai ser ocupado por Julio Abalde, ex reitor da Universidade da Coruña (UDC) e actualmente deputado do PSdeG no Parlamento galego pola circunscrición electoral da Coruña.

O escando que deixa Abalde pasaría a ser ocupado por Aitor Bouza, líder do PSdeG en Compostela e secretario de Acción Territorial e Formación da Executiva socialista. É un dos asesores de confianza de José Ramón Gómez Besteiro.

As fontes consultadas por Europa Press anticipan que o de Rivas non será o único cambio nas subdelegacións do Goberno de España nas Galiza. Tamén está previsto a substitución en Lugo de Isabel Rodríguez, co que se daría continuidade ás renovacións que xa tiveron lugar nas outras provincias.