Tomé formaliza a renuncia como presidente da Deputación de Lugo, mais pretende continuar en funcións até o 30 de decembro

José Tomé, presidente da Deputación de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O BNG xa defendeu a necesidade de que teña lugar un pleno extraordinario para facer efectiva a renuncia de Tomé, o que acurtaría os prazos para a mudanza na Presidencia da Deputación de Lugo.

O até o de agora presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de formalizar na mañá desta sexta feira, 12 de decembro, a súa renuncia a este cargo, mediante a presentación do correspondente escrito no rexistro da institución.

De conformidade co disposto no artigo 52 do Regulamento Orgánico da Deputación de Lugo, a renuncia á Presidencia deberá ser aceptada polo Pleno da Corporación, que decorrerá o 30 de decembro, momento a partir do cal a Presidencia quedará formalmente vacante. Mentres tanto, Tomé Roca exercerá como Presidente en funcións, tal e como está legalmente estabelecido.

De seren finalmente estes os prazos para a mudanza na Presidencia, a partir do 30 de decembro, será o vicepresidente, o nacionalista Efrén Castro, quen asuma a totalidade das funcións até o día no que a Corporación elixa un novo presidente ou presidenta.

Con todo, o BNG xa defendeu a necesidade de que teña lugar un pleno extraordinario para facer efectiva a renuncia de Tomé, o que acurtaría os prazos para a mudanza na Presidencia da Deputación de Lugo.

Segundo estabelece literalmente o artigo 53 do citado Regulamento, "vacante a Presidencia, procederase á convocatoria da sesión extraordinaria para proceder á elección de presidente ou presidenta, que haberá de celebrarse o décimo día hábil ás 12 horas". En aplicación desta previsión normativa, o pleno extraordinario para a elección do novo presidente ou presidenta decorrerá o 14 de xaneiro, ás 12 horas.

A partir dese momento, de seren estes finalmente os prazos, José Tomé Roca continuará, segundo xa anunciou, exercendo as súas funcións como deputado como non adscrito, de acordo co previsto no propio artigo 52 do Regulamento Orgánico, que permite a renuncia ao cargo de presidente sen perda da condición de membro da Corporación.

Comunicado de José Tomé ao pleno da Deputación de Lugo

A necesidade de salvagardar o correcto funcionamento da Institución, que se viu alterado, nos últimos días pola difusión pública de acusacións cara a miña persoa, carentes do máis mínimo sustento fáctico, xurídico e probatorio, e que foron formuladas á marxe de calquera procedemento con garantías, o que conleva a vulneración frontal do principio de presunción de inocencia recollido no art. 24.2 da Constitución Española de 1978, esixe que, pola miña parte, se adopten decisións, persoalmente moi difíciles, que garantan que o funcionamento da Deputación Provincial de Lugo, non se vexa alterado por cuestións alleas ao estrito cumprimento das súas propias competencias.

Quero deixar constancia de que non existe procedemento penal, administrativo ou de calquera outro tipo en trámite contra a miña persoa, nin dilixencia xudicial, disciplinaria ou fiscalizadora que, conforme á legalidade vixente, permita derivar indicio algún de irregularidade ou de conduta inapropiada, o que fai que me encontre nunha situación de absoluta indefensión, xa que descoñezo cales son os feitos dos que se me acusa e as probas en que eses presuntos feitos se basearían.

A situación actual tivo a súa orixe nunhas informacións aparecidas nun medio de comunicación que deu conta dunhas presuntas condutas inapropiadas, que  nego con rotundidade, e que, como xa dixen, carecen de calquera fundamento fáctico e, en consecuencia, probatorio. 

A utilización de insinuacións, suposicións e falsas acusacións, de orixe descoñecida, deron lugar a informacións xornalísticas, sen ningún tipo de respaldo documental, contraveñen os máis elementais principios de, interdición da arbitrariedade e seguridade xurídica consagrados no artigo 9.3 CE.

A situación na que actualmente me encontro representa unha vulneración do principio de dignidade da persoa, recollido no art. 10 da Constitución Española de 1978, así como do meu dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, recollidos no art. 18 do texto constitucional.

Por todo o exposto, adopto voluntariamente a decisión dolorosa (para non interferir no correcto funcionamento da Institución Provincial á que no últimos seis anos dediqueime de forma tan intensa) de renunciar ao meu cargo de Presidente.

A renuncia que hoxe formalizo non implica, en absoluto, recoñecemento de responsabilidade administrativa, ética ou penal, ao non concorrer na miña persoa ningunha conduta constitutiva de reproche ético e, moito menos, subsumible en ilícito algún. O mantemento dunha campaña de imputacións de condutas irregulares, sen base fáctica algunha, constitúe unha perturbación grave do normal desenvolvemento das funcións propias da Presidencia, incompatibles coa esixencia de eficiencia e boa administración e coa imaxe da propia Institución.

Polas razóns expostas, e sen prexuízo desta renuncia ao cargo unipersoal, manifesto a miña determinación de conservar a miña acta de deputado provincial, conforme ao disposto na normativa anteriormente citada, debido a que a dita condición de deriva do mandato representativo conferido polos/polas cidadáns e cidadás e non ten que atoparse condicionada, limitada nin xuridicamente afectada por manifestacións non sometidas a procedemento legal algún, manifestación que, reitero, son falsas e absolutamente carentes de fundamento.

Reitero, igualmente, o meu compromiso coa legalidade, a transparencia e o máis absoluto respecto a todos e todas os/as compañeiros e compañeiras, xa sexan de partido político ou de traballo, no exercicio das miñas funcións.

Por todo o exposto, con base no disposto nos artigos 52 e 53 do Regulamento orgánico da Deputación provincial de Lugo e no  art. 60 do Real Decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o regulamento de organización funcionamento e réxime xurídico das entidades locais,

Comunico ao pleno da Corporación:

1º.- A miña renuncia ao cargo de Presidente da Deputación Provincial de Lugo, que deberá ser aceptada polo Pleno da Corporación, de acordo co disposto no art. 60 do Regulamento Orgánico da Deputación Provincial de Lugo.

2º.- A miña decisión de seguir desempeñando o cargo de Deputado Provincial, electo polo partido xudicial de Monforte de Lemos.

3º.- Tendo solicitado a suspensión de militancia no partido Socialista Obreiro Español, causar baixa no Grupo Provincial do devandito partido, pasando a ter a consideración de membro non adscrito, de acordo co disposto no art. 73.3 da Lei 7/1985, de 2 de abril.

Por último quero manifestar a grandísima honra que supuxo dedicar estes anos da miña vida a servir os intereses da provincia de Lugo, de todos e todas seus cidadáns e cidadás, cunha implicación e dedicación que, creo, está fóra de toda dúbida e desenvolvendo as miñas funcións con total transparencia e respecto absoluto aos principios éticos e dereitos constitucionais de cantas persoas compartiron comigo estes anos.

Lugo ao 12 de decembro de 2025.
Asdo.- José Tomé Roca