José Tomé, da carreira sindical ao Comité Federal do PSOE
José Tomé Roca naceu en Guitiriz (A Terra Chá) en 1958, mais acabou en Monforte como profesor na Escola de Capacitación Agraria. Alí foi construíndose un liderado sindical na UXT da comarca que o levou a ter responsabilidades tamén no sindicato a nivel galego, onde foi secretario de Formación e Emprego.
Aos poucos, foi pasando da carreira sindical á política, onde principiou como responsábel da agrupación do PSdeG en Monforte e posteriormente na comarca, para chegar ao Comité Provincial de Lugo e ao Comité Nacional do PSdeG. Entre 2005 e 2011 foi deputado no Parlamento galego. Concelleiro en Monforte, foi primeiro tenente de alcalde no Goberno de coalición dirixido por Severino Rodríguez (BNG). En 2015 saíu alcalde e gobernou en minoría, e en 2019 logrou a Alcaldía con maioría absoluta, que revalidou en 2023.
Tomé alcanzou a presidencia da Deputación en 2019, co apoio tanto do 'besteirismo' como do daquela líder do partido na Galiza, Gonzalo Caballero. Púxose á fronte do partido na provincia de Lugo en 2022, após integrar a candidatura de José María Arias. Ese sector pugnou contra el nas eleccións provinciais do PSdeG este ano a través do deputado provincial Iván Castro. O resultado (58%-42% a prol de Tomé) mostrou que non tiña o dominio sobre a provincia que moitos lle presupuñan.
Aínda así, ostentaba poder: membro do Comité Federal do PSOE, desde 2019 presidente dunha das dúas únicas deputacións que o PSdeG preside na Galiza e alcalde con maioría absoluta do segundo concello con máis habitantes da circunscrición, Monforte, só superado por Lugo. O PSdeG prepárase agora para cubrir o oco que deixa a súa marcha, sen que iso abra fendas no partido.