A importancia do Goberno PSdeG-BNG na historia política galega
Xesús Veiga. Economista
Estanse a cumprir 20 anos dun acontecemento moi relevante na vida política galega: a perda da maioría absoluta do PP de Manuel Fraga e a posterior formación dun goberno de coalición entre o PSdG e o BNG.
Visto dende hoxe, o que sucedeu naquel mes de xuño de 2005 foi algo máis que a materialización dunha alternancia no Goberno da Xunta. Era a primeira vez, dende 1981, que a dereita galega (representada polas siglas AP/PP e UCD) perdía a posibilidade de conformar unha maioría parlamentar despois da celebración duns comicios.
Se a esa hexemonía conservadora rexistrada durante case todo o período 1981-2005 lle engadimos o dominio acadado polo PP a partir do 2009, chegamos á conclusión de que o Goberno bipartito encabezado por Touriño e Quintana representou un cativo oasis no deserto político no que aínda fica instalada a realidade das institucións do autogoberno galego.
Revalorización co tempo
O paso do tempo ten revalorizado, sen dúbida, a importancia daquel Goberno bipartito na historia do sistema democrático galego. Acometeu un ambicioso programa de reformas a partir dunha aposta decidida pola ampliación do autogoberno e pola dotación dun maior benestar social. A reforma do Estatuto de Autonomía non foi posíbel pola negativa radical de Feijoo e Rajoy. A pesar dun indiscutíbel balance positivo (no que cabe anotar, tamén, a inexistencia de episodios de corrupción) resulta sorprendente e paradoxal que tanto o PSdG como o BNG teñan dedicado unha menor atención ao labor daquel Executivo que o esforzo practicado polo PP para desprestixialo cunha frecuencia digna de mellor causa. Por que se deu este distanciamento nunhas organizacións que, nos vindeiros anos, están condenadas a compartir unha nova experiencia gobernamental na Xunta? Non é doado atopar unha resposta explicativa mais alá de constatar o lóxico relevo xeracional realizado nos cadros dirixentes de ambas formacións. Seguramente existiron puntos de vista diferentes –poucas veces enunciados explicitamente– a respecto das luces e das sombras rexistradas naquela experiencia gobernamental. Este déficit de reflexión colectiva no interior de ambas organizacións non favoreceu unha confrontación adecuada co relato promovido polo universo político e mediático do PP.
En todo caso, unha análise demorada do sucedido entre 2005 e 2009 permitiría obter algunhas ensinanzas aproveitábeis de cara ao futuro:
1)A necesidade de ter establecidas con anterioridade as prioridades programáticas da acción gobernamental e as previsións da súa execución no horizonte temporal da lexislatura.
2)Posuír un organigrama previo da ordenación das distintas áreas competenciais e os criterios para pactar o reparto entre os socios do Goberno.
3)Ter preparadas, con suficiente antelación, as equipas humanas capaces de acometer, coa maior eficacia posíbel, as tarefas involucradas na xestión do novo Executivo.
4)Asumir un compromiso explícito –reflectido no oportuno protocolo– no tratamento do equilibrio entre a necesaria unidade na acción gobernamental e o lóxico respecto pola singularidade de cada forza.
5)Outorgar unha prioridade especial aos criterios que deben presidir a política comunicativa do Goberno. No ámbito dos medios públicos, dando un xiro substancial ao que veu sucedendo nas últimas décadas na CRTVG. No territorio das empresas xornalísticas privadas, substituíndo as prácticas clientelares por relacións reguladas de colaboración e defensa do dereito á libre información por parte da cidadanía.
6)Coñecer ben as dinámicas internas da Administración galega como consecuencia do persistente exercicio de control realizado polo PP nas últimas décadas sobre os distintos corpos funcionariais. Promover unha acción específica para neutralizar semellante hipoteca na maior medida posíbel.
7)Xestionar adecuadamente as expectativas de cambio existentes nas estruturas organizadas do BNG e do PSdG para evitar posteriores frustracións. Unha adecuada combinación da máxima ambición na axenda transformadora e das inevitábeis doses de realismo debería inspirar a folla de ruta do novo Goberno.
Ao cabo, co bipartito cumpriuse a vella máxima de que "alguén virá que bo te fará". Quen chegou a San Caetano foi, precisamente, a mesma persoa que hoxe aspira a entrar na Moncloa.