Gómez Besteiro demanda á Xunta unha mudanza das políticas de vivenda

Gómez Besteiro este sábado no acto sobre vivenda do PSdeG en Vilagarcía. (Foto: Nós Diario)

O PSdeG reuniuse  este sábado en Vilagarcía de Arousa para debater sobre vivenda, nun acto onde José Ramón Gómez Besteiro estivo acompañado do conselleiro de Vivenda de Euskadi , Denis Itxasu e da súa homóloga catalá, Silvia Paneque.

O secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro subliñou que "a vivenda é un dereito fundamental, e o noso deber é garantir que as políticas públicas estean á altura dun desafío tan grave como este”.

Gómez Besteiro lamentou que Galiza afronta “un mercado de alugueiro roto, que non pode solucionarse con parches”, cunha suba interanual dos prezos que en Vilagarcía alcanzaron o 25%, a máis alta da Galiza.

“Esta situación, continuou, agrávase pola proliferación descontrolada de vivendas turísticas”, afirmou Gómez Besteiro, “que expulsa aos veciños dos seus barrios en cidades como Santiago de Compostela”.

O dirixente socialista apuntou que desde 2009 até 2024 “só se construíron 6.313 vivendas” protexidas na Galiza, “fronte 7.241 impulsadas en catro anos polo Goberno de Emilio Pérez Touriño”.

“Non podemos permitirnos que un problema tan serio como o acceso á vivenda sexa ignorado ou tratado con parches insuficientes que non benefician realmente á cidadanía", afirmou Gómez Besteiro.

O secretario xeral do PSdeG considerou imprescindíbel "aumentar a oferta de vivendas de alugueiro, pero facelo desde unha perspectiva pública e sustentábel, garantindo que as familias e a mocidade teñan acceso real a un fogar digno”.

Banco público do alugueiro

Gómez Besteiro defendeu a creación dun banco público do alugueiro, que  permitiría á Xunta da Galiza actuar como mediadora entre propietarios e inquilinos, “garantindo prezos accesíbeis e estabilidade no mercado”.

Non é tolerábel e que se poñan atrancos cando se trata de protexer ás persoas fronte ao abuso dos prezos de mercado", indicou Gómez Besteiro, en relación coa negativa do Goberno galego de declarar como tensionadas determinadas zonas.