Gómez Besteiro chamou a seguir mantendo viva "a conciencia de clase"
O PSdeG participou onte nos actos organizados en Vigo por UXT e CCOO. Desde a manifestación, o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou "seguir avanzando na conquista de dereitos" e chamou a manter viva a "conciencia de clase" fronte a ataques da dereita e da ultradereita.
Besteiro puxo en valor que moitos dos avances logrados nos últimos anos "puxémolos os socialistas enriba da mesa" e nomeou como exemplos "a suba do salario mínimo interprofesional, a conversión de contratos temporais en indefinidos ou o reforzo das pensións". Alén diso, destacou o impulso a "novos dereitos, como é o da redución da xornada laboral ás 37 horas e media".
Ademais, o líder socialista criticou "o inmobilismo do Goberno galego" e reclamou a Alfonso Rueda que "aproveite as oportunidades para xerar máis emprego", advertindo de que Galiza "está a perder o diferencial co resto do país". Neste sentido, denunciou a "incapacidade da Xunta para superar as cifras de desemprego entre as mulleres, cunha taxa 14% máis alta que a dos homes", e sinalou a falta de políticas para a mocidade "obrigada a fuxir por non ter unha primeira oportunidade”.
Homenaxe en Pereiró
A xornada comezou cun acto de memoria no cemiterio vigués de Pereiró, onde Besteiro rendeu homenaxe aos alcaldes e representantes políticos e sindicais asasinados polo franquismo. Lembrou que foron vítimas dun réxime que quixo "calar a voz de quen defendía a democracia, a igualdade e os dereitos da xente traballadora".
Neste espazo reivindicou o valor da memoria como guía para o presente e afirmou que é "o recordo do que aconteceu, do que pode volver".