Os Gobernos español e alemán chegan a un acordo para avanzar na oficialidade do galego na UE

Friedrich Merz e Pedro Sánchez. (Foto: Kay Nietfeld / DPA vía Europa Press)
Os Executivos buscan unha "forma que sexa aceptábel para todos os estados membro" para densevolver a oficialidade do galego.

Os Gobernos español e alemán acordaron esta sexta feira abrir un diálogo bilateral para chegar a unha solución sobre a oficialidade do galego, do catalán e do vasco na Unión Europea. "Os nosos dous Gobernos acordaron hoxe abrir un diálogo co obxectivo de atopar unha resposta á solicitude española de que as súas linguas cooficiais distintas ao español sexan recoñecidas como oficiais na UE de forma que sexa aceptábel para todos os estados membro", manifestaron.

Así queda recollido nun comunicado conxunto do Executivo español e do alemán. "A incorporación das devanditas linguas constitúe unha parte esencial da identidade nacional plurilingüe de España", continúa o comunicado. "Por iso decidimos conxuntamente iniciar conversacións bilaterais a partir das cales España presentará un texto para debate e decisión dos 27 estados membro nunha futura reunión do Consello de Asuntos Xerais", engade.

Este diálogo comezará "o máis axiña posíbel" e estará a cargo dos respectivos ministerios de Asuntos Exteriores, precisa o comunicado conxunto dos Gobernos liderados por Pedro Sánchez e Friederich Merz. Desde Moncloa, reivindicaron tras o anuncio que "o Goberno non deixou de mostrar a súa determinación para avanzar cara á oficialidade do catalán, o vasco e o galego". "O de hoxe é un paso importante para facelo posíbel", subliñaron fontes gobernamentais.

Alemaña, á fronte dos reticentes

Alemaña era até o de agora un dos estados máis reticentes a incluír o galego, o catalán e o vasco no regulamento lingüístico da UE, un paso para o que é necesaria a unanimidade dos 27 estados membro. De feito, na última ocasión que este asunto se discutiu no Consello de Asuntos Xerais da UE, o pasado 18 de xullo, o xermano encabezou o bloque de perto dunha decena de estados que mostraron reticencias á oficialidade destas linguas polas dúbidas legais e financeiras que lles suscitaba.

O encargado de defender a proposta do Estado español, o secretario de Estado para a UE, Fernando Sampedro, mantivo un debate, tenso por momentos, segundo indicaron entón distintas fontes, co ministro para Asuntos Europeos alemán, Gunther Krichbaum, que defendeu que sería necesaria unha reforma dos tratados comunitarios para asegurar a base legal da oficialidade do galego, do catalán e do vasco. Nesa ocasión, o Estado español chocou coa negativa da UE por sétima vez desde que puxo este asunto sobre a mesa no ano 2023.

Merz propuxo intelixencia artificial

No mes de setembro, o asunto volveu saír durante a visita oficial que fixo o chanceler alemán, o conservador Friedrich Merz, á Moncloa. Sánchez pediulle o apoio e o seu homólogo mostrouse comprensivo, mais dixo que "terán que ver" como se resolve. O alemán apuntou ademais a unha posíbel solución baseada na intelixencia artificial, consciente con todo de que o desenvolvemento desta tecnoloxía aínda levaría tempo.

"Creo que a medio prazo podería haber unha moi boa solución porque grazas á intelixencia artificial xa non necesitaremos intérpretes. Imos poder entender e poder falar en todos os idiomas da Unión Europea, mais aínda pasará un pouco de tempo", sostivo Merz.