O Goberno do Estado aproba crear un rexistro de medios e regular a publicidade institucional
O Consello de Ministros aprobou na súa xuntanza desta terza feira un anteproxecto de lei polo que se creará un rexistro de medios de comunicación. A norma busca determinar a súa dependencia da propaganda institucional.
O ministro para a Transformación Dixital, Óscar López anunciou na comparecencia posterior ao Consello de Ministros a aprobación dun rexistro de medios que busca adaptar a lexislación estatal á normativa comunitaria.
A proposta está recollida no anteproxecto de Lei para a mellora da gobernanza democrática en servizos en liña e medios de comunicación, que atende ás recomendacións da Unión Europea (UE).
O texto traspón a normativa recollida nos regulamentos comunitarios de liberdade de medios de comunicación (EMFA) e de servizos dixitais (DSA) conforme ás medidas recollidas polo Plan de Acción pola Democracia do Goberno do Estado.
Os regulamentos europeos son de aplicación directa para todos os Estados membros da UE, mais en ocasións a súa entrada en vigor require da súa adaptación á lexislación estatal ou da elaboración de novas normas.
“Un espazo dixital seguro”
López asegurou que este corpo legal pretende “estabelecer un espazo dixital seguro”, creando unha canle polo que os usuarios poidan interpor reclamacións a través de asociacións de consumidores.
O rexistro aprobado polo Executivo estatal dependerá da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e recollerá unha serie de informacións básicas sobre o medio de comunicación.
O ministro para a Transformación Dixital avanzou que o rexistro incluirá a titularidade do medio de comunicación e a cantidade de publicidade institucional que recibe, indicando que parte de financiamento do mesmo proceden de fondos públicos.
López indicou que o rexistro de medios de comunicación será público e de libre acceso para os cidadáns.