Foi elixido coordinador federal

Garzón (IU) culpa dos resultados das xerais ás “campañas paralelas e desconectadas”

[Imaxe: IU] Alberto Garzón

Alberto Garzón, que na mañá do sábado resultou elixido coordinador federal de IU co apoio do 81,2% da dirección, sinalou que os resultados de Unidos Podemos nas eleccións xerais se deberon ás “campañas paralelas e desconectadas unhas de outros”.

O recentemente elixido coordinador federal de IU afirmou na mañá do sábado que “as campañas paralelas e desconectadas unhas de outros” diminuíron a eficiencia da coligazón Unidos Podemos, que perdeu máis dun millón de votos a respeito das eleccións 20 de decembro. Tamén responsabilizou dos resultados as présas á hora de compoñer a alianza.

Aliás, o dirixente de IU sinalou que “o proceso caótico que estivo desvinculado do tecido social preexistente agudizou as contradicións e tensións propias” entre as formacións que integran Unidos Podemos.

Sobre as “campañas simultáneas e independentes” dos socios da coligazón, Garzón salientou que puideron “mandar unha mensaxe equivocada”. Aínda así, o coordinador federal de IU defendeu a alianza que provocara tensións internas na súa formación.

Elixido coordinador federal

Na mañá do sábado, Garzón foi designado coordinador federal de IU pola Asemblea Político Social, que o apoiou co 81,2% dos fotos a favor (un total de 89 votos) e o 18,8% de abstencións (22 abstencións).

Segundo se puido saber, entre as persoas que se abstiveron á hora de votar Garzón atópase Gaspar Llamazares, que nos últimos meses se amosou publicamente moi crítico coa decisión de IU de concorrer con Podemos nunha coligazón ás últimas eleccións xerais.