Galiza é un "suxeito político" que debe loitar polos seus dereitos, proclama EU nas vésperas do 25X

Díaz le o manifesto

Esquerda Unida realizou este sábado un acto político en Santiago nas vésperas do Día da Patria Galega 2016.

Integrada no movimento das mareas, EU quixo singularizar a súa posición política arredor do Día da Patria Galega coa realización dun acto político en Santiago na mañá deste sábado en que apresentou o seu manifesto Depende de Nós.

"Este 25 de xullo non é un día máis, queremos outra Galicia imprescindíbel", dixo a coordenadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz. "Queremos unha Galicia alumeada polo ben común", acrecentou.

Esquerda Unida enfatizou neste acto unha idea, a de que Galiza é un "suxeito político" que debe loitar "polos seus dereitos" e tamén refrendou a súa aposta na confluencia con outras forzas: "O camiño da unidade comezou con AGE, seguiu coas mareas municipalistas e consolídase con En Marea".

Cimeira do día 30

Díaz outorgou unha grande importancia simbólica á asemblea das mareas axendada para o día 30 en Vigo -unha cimeira de Podemos, Anova, EU e as plataformas municipalista que nace do impulso dado polos alcaldes de Compostela, A Coruña e Ferrol- até o ponto de cualificar a xuntanza de "pistolada de saída" da carreira que levará a "sacar os inquilinos" da Xunta.