Galiza Nova protesta ante a presenza de Felipe e Leonor de Borbón en Marín

Concentración de Galiza Nova este 16 de xullo en Marín (O Morrazo). (Foto: Nós Diario)

O rei español entregou a Gran Cruz do Mérito Naval á princesa, nun acto que pon fin ao paso de Leonor pola Galiza.

Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, volveu concentrase esta cuarta feira para rexeitar a presenza dos Borbón na Galiza. Nesta ocasión fíxoo en Marín (O Morrazo), coincidindo coa entrega da Gran Cruz do Mérito Naval a Leonor de Borbón, unha condecoración que lle foi imposta polo seu pai, o rei Felipe VI, no acto de xura de aspirantes de primeiro da escala de oficiais e entrega de Reais Despachos dos novos oficiais da Armada de quinto curso.

Na terceira e última concentración que a organización xuvenil convocou por este motivo —a primeira foi o pasado 9 de xullo en Ferrol, onde aportou o buque-escola Juan Sebastián Elcano, e a segunda, en Compostela a pasada segunda feira coincidindo coa entrega da Medalla da Galiza á princesa— mozas e mozos rexeitaron"unha monarquía corrupta e opresora".

"Rexeitamos unha institución que é herdeira o franquismo", sinala a Nós Diario a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez. "Inxusta, corrupta, anacrónica e que atenta contra os valores democráticos do noso pobo", cualifica a monarquía española que, para Gómez, "vive nos últimos anos unha crise de credibilidade absolutamente demostrada e que se sabe que non representa a maioría do pobo". "Temos claro que Galiza non ten rei e estaremos na rúa sempre que haxa algún monarca español no noso país", conclúe a secretaria xera.  

A organización xuvenil denuncia tamén o "lavado de cara" que se está a facer coa "utilización" de Leonor de Borbón na entrega de condecoracións, como a mencionada Medalla de Ouro da Galiza ou o título de Filla Predilecta de Marín que a princesa recibiu a pasada segunda feira da man da alcaldesa María Ramallo (PP).

A simboloxía republicana, "ocultada"

Precisamente, o Concello de Marín foi esta semana albo de críticas por "agochar" o histórico escudo da Segunda República que aínda existe na casa consistorial durante a visita e os actos decorridos con Leonor de Borbón.

Trátase dun escudo da República, datado do ano 1931, que, segundo denunciou a portavoz do BNG da localidade, Lucía Santos, o Concello tapou con plásticos na fachada do edificio, se ben aínda era parcialmente visíbel desde o interior do salón de plenos, onde Leonor de Borbón recibiu a Medalla do Concello e e foi nomeada filla predilecta.

Para o BNG o escudo foi tapado a propósito para ocultar a simboloxía republicana, mais desde o Concello insisten en que foi tapado para "poder facer fotografías" no salón de plenos.

Desde a Alcaldía de Marín sinalan a Nós Diario que foi tapada "para reducir a luz e facilitar a gravación do acto" por "suxestión dos técnicos de gravación. Ao día seguinte xa se volveu quitar" o plástico.