Galiza Nova presenta a sétima edición da Semana da Patria Galega: "Nesta edición batemos récord con 70 actividades"
Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, presentou esta quinta feira a sétima edición da Semana da Patria Galega, un programa de actividades que decorren nos días previos ao Día da Patria Galega e que este ano "bateu récord" chegando até as 70 actividades.
Tal e como declarou Marta Gómez, a secretaria xeral da organización, "o feito de bater récord nesta edición, ademais dun motivo de orgullo, é unha demostración da forza da mocidade organizada por todo o país". Ademais, engadiu, "se non houbera militancia nas localidades, esforzándose, organizándose e traballando día a día non sería posíbel facer unha campaña coma esta".
A campaña comeza a segunda feira 14 de xullo coa concentración en Santiago de Compostela contra a visita da Princesa Leonor no acto no que lle conceden a Medalla da Galiza, aínda que xa na fin de semana haberá localidades nas que se organicen actividades previas.
"Así, todos os días teñen programación ao longo e largo do país até o día 23 de xullo, e culminando o 24 coa tradicional Homenaxe a Rosalía e Castelao e o 25 coa participación na manifestación nacional en Santiago de Compostela", sinalou a secretaria xeral de Galiza Nova.
"Nos tempos que corren é máis necesario que nunca estar organizadas para loitar contra todas as inxustizas que nos oprimen", explicou Gómez. "A Semana da Patria é unha oportunidade para dar a coñecer o día máis grande do noso pobo mais tamén denunciar, por exemplo, a anomalía democrática que supón vivir nun estado monárquico, o espolio da nosa terra con proxectos como o de Altri ou pór en valor a memoria histórica a través da figura de Castelao e do seu ideario como pai do nacionalismo galego", engadiu.
Actos que se repiten
Unha das accións que terá lugar na meirande parte das comarcas do país é o despregamento da bandeira da patria xigante en lugares simbólicos ou visíbeis. "É a nosa bandeira, a das causas xustas, e mostrámola ao mundo co orgullo de ter ese símbolo que nos represente", sinalou a secretaria xeral de Galiza Nova.
Mais como novidade este ano, outra das actividades máis repetidas é a chamada Exposición Artivismo en Castelao que estivo presente esta quinta feira na presentación. Gómez explicou que "é unha exposición itinerante coa que pretendemos demostrar a vixencia do pensamento de Castelao a día de hoxe, foi unha idea dun dos grupos de traballo nacionais que temos na organización e é un orgullo poder darlle forma e lanzala nestes días, aínda que tamén estará dispoñíbel até final de ano con motivo do Ano Castelao", afondou.
Por segundo ano consecutivo, ademais, terá lugar un partido de fútbol que enfrontará Galiza Nova e o BNG para reivindicar a oficialidade das seleccións galegas nas disciplinas deportivas, un acto que xa se fixo o ano pasado e que este ano volverá repetirse o 18 de xullo pola tarde en Santiago de Compostela.
A Homenaxe a Rosalía e Castelao
A Semana da Patria culminará coa tradicional Homenaxe a Rosalía e Castelao na tarde do 24 de xullo, un acto co que a organización xuvenil do BNG homenaxea ás dúas figuras referenciais do nacionalismo galego. Este ano intervirán Gabriel Abilleira (militante de Galiza Nova en Compostela), Marta Gómez (secretaria xeral de Galiza Nova) e Ana Pontón (voceira nacional do BNG).
Tendo en conta as homenaxeadas este ano no Día das Letras Galegas, a actuación musical da homenaxe estará a cargo do grupo Lina e Lola para, segundo sinalaron desde a organización, "pór en valor o papel das pandereteiras na transmisión da nosa cultura, da nosa lingua e da nosa identidade". A homenaxe culminará coa ofrenda floral no Panteón das Galegas e Galegos ilustres, nos cadaleitos de Rosalía de Castro e Daniel Castelao.
70 actividades
Todas as actividades que decorrerán nesta campaña estarán dispoñíbeis desde esta quinta feira nas redes e na páxina web de Galiza Nova e, o detalle das mesmas, poderase consultar nas redes de cada comarca e nas da propia organización a medida que se acheguen os días. "Hoxe presentamos o calendario xenérico, mais logo será cada comarca a encargada de dar os detalles concretos, horario, localización exacta etc. na que farán cada actividade, polo que cómpre estar atentas", concluíu Gómez.